A Xunta aposta polo papel das universidades para fomentar a igualdade entre as xeracións máis novas
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, participou hoxe na presentación da tradución ao galego das “Guías para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero”
A publicación enmárcase no acordo entre a Xunta e as tres universidades galegas ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
A Xunta destaca o importante papel das universidades para contribuír a acadar a igualdade real entre mulleres e homes e na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias debido á súa influencia na aprendizaxe das xeracións máis novas.
Así o explicou esta mañá a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, durante a inauguración da xornada para presentar a tradución ao galego por parte de Xarxa Vives da colección Guías para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero. A través destas publicacións, o profesorado terá a súa disposición recursos para levar a cabo unha docencia universitaria con perspectiva de xénero nas materias dos programas de grao e postgrado impartidas nas universidades galegas.
Natalia Prieto incidiu en que, desta forma, os docentes poden proporcionar ao alumnado novas ferramentas para identificar os estereotipos e roles sexistas e inculcarlle os valores da igualdade de xénero.
A tradución destas guías enmarcase nos tres acordos asinados coas universidades de Santiago, A Coruña e Vigo no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, dotados cun total de 300.000 euros, dos que corresponden 100.000 euros a cada unha das institucións académicas.
A elaboración das 11 guías docentes por parte de docentes expertas na materia tamén se inclúe nestes acordos destinados a reforzar e ampliar os valores igualitarios e a educación afectivo-sexual, así como a incluír na ensinanza universitaria a prevención da violencia de xénero.
Entre as actuacións financiadas destacan ademais a implicación das Unidades de Igualdade das universidades na realización de estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario; a formación permanente de docentes en prevención da violencia de xénero coma neste caso; o deseño de programas de prevención, detección e protocolos especializados; ou a actualización dos existentes en atención e actuación das diferentes violencias sexuais, sobre as que tamén se fomenta a investigación.
Esta colaboración complementa o traballo que xa veñen desenvolvendo as universidades a través das súas Oficinas de Igualdade, ademais das actuacións incluídas nos seus plans de igualdade e nos seus protocolos contra o acoso escolar.