O centro sociocultural de Friol acollerá mañá e pasado unha xornada sobre a pegada de carbono en gandarías de produción ecolóxica organizada pola Xunta

Esta acción formativa, dirixida sobre todo a gandeiros e na que colabora o Craega, está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2020

Mañá e pasado terá lugar no centro sociocultural de Friol unha xornada sobre a pegada de carbono en gandarías de produción ecolóxica. A iniciativa está organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), coa colaboración do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

A acción formativa, que vai dirixida principalmente a gandeiros, está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020 e contará cunha duración total de 10 horas, das cales 7 serán teóricas e 3 prácticas. Nela trataranse temáticas como o funcionamento das gandarías en ecolóxico, a pegada de carbono e o futuro de ambas certificacións e posibilidade no mercado.

Ademais, neste curso tamén se abordará a nova normativa europea de produción ecolóxica e se ensinará aos asistentes como calcular a pegada de carbono da súa explotación gandeira, co fin de que poidan reducila a través de boas prácticas ambientais.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego, no que se enmarca esta acción, é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas iniciativas procúrase que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Así pois, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.