A Xunta avanza na execución da senda peonil e ciclista na estrada LU-633, no treito que discorre polo Camiño Francés, en Portomarín

A actuación, cun orzamento de 285.000, conta cun prazo de execución de 6 meses

Constrúese un itinerario continuo de 260 metros pola marxe esquerda da estrada, desde a zona do albergue de peregrinos ata a entrada da ponte de acceso á vila

Estase a traballar na zona próxima ao encoro para executar a ampliación da plataforma da estrada, para o que se ten levantado o carril dereito, dándose paso alternativo ao tráfico polo que queda libre

Segundo a programación inicial de traballo, durante as xornadas laborais do 10 e 11 de setembro será necesario o corte da estrada, para o que se habilitará un desvío alternativo do tráfico

A ampliación da sección actual para acoller os elementos da nova plataforma busca reforzar a seguridade dos percorridos dos peregrinos e dos peóns

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa avanzando na execución das obras da senda peonil e ciclista na estrada LU-633, aos seu paso por Portomarín.

Esta actuación, cuxos traballos se iniciaban a finais do mes de xuño, conta cun investimento de 285.000 euros, e cun prazo de execución de 6 meses.

Trátase de construción dunha senda de 260 metros de lonxitude na marxe esquerda da estrada autonómica para executar un itinerario continuo sen ter que cruzar a vía, nun treito por onde discorre o Camiño de Santiago Francés.

O novo itinerario ten como obxectivo mellorar as condicións de seguridade dos peregrinos e dos peóns, en xeral, no seu percorrido por esta zona, desde a baixada do Camiño de Santiago -fronte ao albergue situado a esa altura da vía autonómica- ata a entrada da ponte de acceso á vila de Portomarín.

No punto de inicio localízanse as escadas de baixada do Camiño Francés na beira dereita, polo que nesa parte complementarase cun pequeno treito de senda a ese lado da calzada e un paso de peóns.

Na execución das obras faise preciso realizar pequenos desmontes e corrixir terrapléns. Nun treito incorporarase unha estrutura en voadizo para dispor dun ancho adicional, cunha varanda de aceiro con pasamáns e debuxos troquelados mediante láser.

Os traballos

Nestes momentos estanse a traballar na zona próxima ao encoro, cuns noiros moi verticais, para executar a ampliación da plataforma da estrada, que require a instalación dunhas estruturas en voladizo prefabricadas, chamadas prelosas. Estes traballos previos fan preciso o levantamento do carril dereito da estrada, para a colocación das prelosas, polo que a circulación está a efectuarse polo carril libre, dándose paso alternativo con semáforos.

A vindeira semana está prevista a colocación das prelosetas prefabricadas, o que fará preciso o corte da estrada, durante a xornada laboral do xoves, día 10, e ata as 13 horas do venres día 11, para o que se habilitará un desvío alternativo que será debidamente sinalizado e posto en coñecemento do Concello.

Con esta intervención ampliarase a sección actual para poder albergar os elementos da nova plataforma, que servirá para reforzar a seguridade das persoas que se desprazan a pé, evitando que teñan que circular pola beiravía.

Esta intervención nun dos accesos principais á localidade para os peregrinos que realizan a ruta Xacobea enmárcase na aposta da Xunta por un modelo de mobilidade segura e sostible e está incluída no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Lugo. A actuación está cofinanciada con Fondos Feder 2014/2020.

Imaxes relacionadas