Os case 60 beneficiarios das BEME que cursarán un mestrado na Universidade de Santiago, a máis demandada nesta cuarta convocatoria, participan nunhas xornadas prácticas virtuais

A Secretaría xeral da Emigración, en colaboración coa Asociación de Jóvenes Emigrantes en Galicia e as universidades galegas, ofrecerán información sobre o sistema académico e sanitario galego

Bolseiros de anteriores edicións orientarán, ademais, os alumnos sobre a cultura, costumes e trámites que deben levar a cabo antes de iniciar os seus estudos na comunidade

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2020

A Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Asociación de Jóvenes Emigrantes en Galicia e as tres universidades públicas galegas, celebraron esta tarde a segunda das xornadas de benvida virtuais dirixidas aos case 150 beneficiarios desta cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). A sesión de hoxe dirixiuse aos bolseiros que cursarán o seu mestrado na Universidade de Santiago, a que máis acubillará neste exercicio, un total de 59.
A xornada contou coa participación do vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce, un representante da Consellería de Sanidade e bolseiros de anteriores edicións, que aportaron información práctica sobre o curso académico, o sistema sanitario e o protocolo para a detección e manexo de casos de infección activa polo virus covid-19, e outras cuestións como a busca de vivenda e os costumes e cultura galegas. A continuación, os asistentes plantexaron as súas dúbidas aos expertos. O obxectivo das xornadas informativas é achegar ata os respectivos países de procedencia dos mellores expedientes académicos de mozos galegos residentes no exterior asesoramento sobre cuestións previas ao seu establecemento na comunidade que lles axuden a axilizar e coñecer os diferentes trámites que terán que levar a cabo.

Máis de 60 medidas

As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior forma parte da Estratexia Retorna, o primeiro plan integral de retorno de España, que persegue incentivar o retorno dos cidadáns galegos do exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos nos centros de ensino secundario da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia a través dun total de máis de 60 medidas tanto específicas como transversais.

Imaxes relacionadas