Máis de 500 comercios galegos avanzan na innovación e a dixitalización con apoios da Xunta por preto de 4M€

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou en Santiago de Compostela La Curiosa, un dos negocios beneficiados do programa co que se mobilizarán máis de 6M€ no comercio de proximidade e o sector artesán

Apóianse máis de mil iniciativas no ámbito da dixitalización, e tamén se impulsa a modernización integral dos locais, a adquisición de equipamentos e iniciativas de expansión comercial

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2020

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe en Santiago de Compostela o establecemento La Curiosa, un dos 523 comercios e artesáns beneficiarios das axudas por preto de 4 millóns de euros que vén de conceder a Xunta coas que se mobilizarán máis de 6 millóns de euros no impulso á innovación, a dixitalización e as novas fórmulas de comercialización.

A través deste programa impúlsase a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores, apoiando o comercio de proximidade para que mellore e incremente os servizos que se prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión.

Tamén se conceden a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.

Así, en concreto, apóianse máis de 1000 iniciativas de dixitalización comercial, que desenvolven 444 comerciantes e artesáns; 71 proxectos de modernización integral dos locais; 67 de adquisición de equipamentos; así como 18 proxectos de expansión comercial e 5 proxectos pop up.

La Curiosa, establecemento situado no casco histórico compostelán, presenta unha oferta centrada na venda de conservas de marca propia e viños que complementa coa realización de catas e degustacións. Neste ano ten realizado unha decidida aposta pola súa imaxe física e dixital, poñendo en marcha no marco deste programa diferentes actuacións de mellora da venda on line, marketing 4.0, xestión de redes sociais, interiorismo e decoración.

Imaxes relacionadas