A Xunta reforza a seguridade viaria na travesía de Sada coa instalación de sinais led para unha mellor visibilidade dos pasos de peóns

Trátase de incrementar seguridade de veciños e usuarios que transitan a pé pola travesía da estrada autonómica AC-163 que discorre paralela ao paseo marítimo

A intervención busca aumentar a atención dos condutores sobre a presenza dos peóns, usuarios vulnerables nas estradas, e previr atropelos

A actuación forma parte da estratexia deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta para a promoción de contornos urbanos seguros nas travesías de vías autonómicas

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de instalar sinais led nos pasos de peóns da travesía de Sada, que permiten facelos máis visibles aos condutores que circulan por este tramo urbano da estrada autonómica AC-163.

Trátase dunha medida de reforzo de seguridade viaria que incrementa a protección e seguridade de veciños e usuarios que transitan a pé pola travesía que discorre paralela ao paseo marítimo.

A intervención da Xunta busca mellorar a atención sobre a presenza dos peóns, como usuarios vulnerables nas estradas, para previr atropelos e garantir a seguridade viaria.

A normativa vixente impide neste tramo da AC-163 a execución de pasos sobreelevados, polo que o departamento de Infraestruturas da Xunta analizou as características e posibilidades da vía, determinando a idoneidade da instalación dos sinais led, que permiten avisar os condutores da existencia dos pasos de peóns.

Esta actuación forma parte da estratexia deseñada pola Xunta para a promoción de contornos urbanos seguros nas travesías de vías autonómicas.

Imaxes relacionadas