A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións supervisou hoxe o inicio destas actuacións, cun investimento autonómico de case 500.000 euros

Ethel Vázquez avanza que a comezos do vindeiro ano os veciños de Sada e Oleiros terán ao seu servizo máis de 1 quilómetro de sendas seguras en Fontán e entre Mandín e As Torres

Vázquez Mourelle sinala que a senda peonil e ciclista na estrada AC-163 facilitará o acceso a Fontán, completando o itinerario entre Pazos e Sada

Precisa que tamén se construirá outra senda, de 400 metros, na estrada AC-182, para comunicar Mandín, en Sada, coas Torres, en Oleiros

Destaca que estas sendas reforzarán o atractivo dunhas vilas con potencial turístico e cunha importante capacidade de contribuír á dinamización económica

Salienta que estas actuacións forman parte do Plan de Sendas da comarca da Coruña, con 6 km de itinerarios e un investimento de máis de 4,7 millóns de euros

Subliña que a Xunta segue traballando na mellora da mobilidade da área da Coruña coa renovación das liñas de autobús ou a prolongación da Vía Ártabra desde a N-VI ata a AP-9, unha obra cun investimento de 40M€ que está en plena execución

Sada (A Coruña), 2 de setembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanza que a comezos do vindeiro ano os veciños de Sada e Oleiros terán ao seu servizo máis dun quilómetro de novas sendas seguras e integradas na paisaxe en Fontán e entre Mandín e As Torres.

O Goberno galego achega un investimento de case 500.000 euros para desenvolver esta actuación que mellorará a mobilidade na área.

Trátase dunha senda peonil e ciclista na estrada AC-163, cunha lonxitude de 630 metros, que ten como obxectivo facilitar o acceso a pé a Fontán, completando o itinerario entre Pazos e Sada.

Ethel Vázquez subliña que esta infraestrutura será beneficiosa para os veciños debido á abundancia de vivendas nesta zona e pola súa proximidade ao porto de Sada.

Indicou que esta actuación prevé a construción doutra senda, de 400 metros de lonxitude, na estrada AC-182, para comunicar o núcleo de Mandín, en Sada, co das Torres, xa no termo municipal de Oleiros.

A execución deste tramo suporá tamén o acondicionamento dun paso elevado, xa existente, sobre a vía Ártabra.


A titular de Infraestruturas destacou que o proxecto reforzará o atractivo dunhas vilas con potencial turístico e cunha importante capacidade de contribuír á dinamización económica.

Plan de Sendas

Estas dúas actuacións forman parte do Plan de Sendas da comarca da Coruña, que contempla preto de 6 km de itinerarios cun investimento total que supera os 4,7 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014/2020.

O Plan de sendas da comarca da Coruña atópase en pleno desenvolvemento, con 2 itinerarios xa rematados e ao servizo dos veciños: o da AC-552 entre A Grela e Marineda, no concello da Coruña; e o da AC-174, entre O Carballo e As Pedreiras, en Oleiros, xa en servizo desde hai máis dun ano.

Outras dúas sendas atópanse en avanzado estado de tramitación en beneficio dos Concellos de Cambre e Culleredo.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que a Xunta segue traballando arreo para mellorar a mobilidade da área da Coruña desde unha perspectiva ampla, tanto con itinerarios que favorezan os desprazamentos a pé, como coa renovación das liñas de autobús.

Ademais lembrou o impulso da prolongación da Vía Ártabra desde a N-VI ata a AP-9, unha obra que está en plena execución, cun investimento de 40M€ e coa que se optimizará a comunicación de Sada coa cidade da Coruña.

Imaxes relacionadas