A Xunta reinicia hoxe as obras da senda entre Deiro e a ponte da Illa de Arousa suspendidas durante as semanas centrais da época estival

Trátase de seguir avanzando na parte do itinerario que se está a executar pola marxe dereita da estrada PO-307, que conectará na PO-306 coa senda xa rematada entre Vilanova e A Illa de Arousa

A actuación forma parte do novo itinerario impulsado pola Xunta en dous tramos, cun investimento de máis de 1,8 millóns de euros, na PO-307 e a PO-549, desde Tarrío a Cores

A actuación complétase co treito da PO-549, onde se construíron sendas polas dúas marxes da estrada, que suman uns 2 quilómetros de lonxitude

Avanzado o mes, tamén se comezará unha obra da drenaxe transversal na estrada PO-307, cun investimento autonómico de máis de 34.000 euros

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de reiniciar hoxe a execución das obras da senda peonil e ciclista en Vilanova de Arousa, na estrada que une o lugar de Deiro coa ponte da Illa de Arousa, suspendidas durante as semanas centrais do verán para minimizar a afección ao tráfico.

Esta actuación forma parte do novo itinerario impulsado pola Xunta en dous tramos, no citado itinerario da estrada PO-307, e na PO-549, desde Tarrío a Cores, xa rematado. Os traballos foron licitados por un importe de máis de 1,8 millóns de euros.
Concretamente, na estrada PO-307 estase a executar unha senda pola marxe esquerda da estrada, no tramo comprendido entre o punto quilométrico 0 -na glorieta de intersección coa PO-549 e coa PO-530- e o punto quilométrico 1+640, na ponte da Illa de Arousa. Aí o novo itinerario peonil e ciclista conecta coa senda xa executada na PO-306, entre Vilanova e A Illa de Arousa. Este itinerario contará con 3 metros de ancho e separarase da calzada mediante unha cuneta de seguridade e unha banda axardinada.

En canto a intervención na PO-549, xa se ten actuado no tramo comprendido entre o punto quilométrico 6+200 -situado en Tarrío, na zona na que rematan as actuais beirarrúas- e o punto 7+210, que conecta cun tramo de beirarrúa executado no ano 2012 pola Xunta. No punto quilométrico 6+500 hai unha glorieta na intersección coa PO-307 na que conflúen as sendas proxectadas nas dúas estradas. Neste treito construíronse sendas en formigón coloreado polas dúas marxes da estrada, que suman aproximadamente 2 quilómetros de lonxitude, cun ancho mínimo de dous metros.

Obra drenaxe na PO-307

Coincidindo cos traballos de execución da senda, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten previsto iniciar ao longo deste mesmo mes unha obra de ampliación da drenaxe da estrada PO-307, no punto quilométrico 0+035.

Esta nova intervención, adxudicada á empresa Hordescon, S.L., conta cun investimento de máis de 34.000 euros. As obras contan cun prazo de execución duns dous meses.

O obxecto do contrato é mellorar a capacidade actual de desaugadoiro da obra de drenaxe transversal, substituíndo o actual por un novo, que permitira dobrar a súa capacidade. Para a execución das obras será necesario o desvío ou a contención provisional da canle existente, así como a restitución do mesmo unha vez estas finalicen.

Esta actuación do Goberno galego está incluída no Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés e está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014/2020.

Imaxes relacionadas