A nova fase dos traballos de acondicionamento da rúa Marcelo Macías, entre a Avenida de Portugal e a glorieta do Olivo, fan necesario un cambio nos desvíos de tráfico desde mañá

Para seguir avanzando nas obras e minimizar no posible as obrigadas afeccións ao tráfico, xa se está a traballar hoxe na sinalización do corte da rúa e nos desvíos para a circulación de autobuses e vehículos lixeiros

Desde o comezo das obras, a Xunta traballa de xeito coordinado cos departamentos do Concello involucrados, así como coa DXT

Durante a execución dos novos traballos manterase o acceso os servizos de carga e descarga, o acceso aos aparcamentos de residentes, e o tránsito de peóns

A Xunta inviste 1,7 millóns de euros no acondicionamento da rúa Marcelo Macías, que teñen un prazo de execución de 12 meses

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020

A execución da nova fase das obras que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a desenvolver para o acondicionamento da rúa Marcelo Macías, en Ourense, fan necesarios novos cambios dos desvíos do tráfico a partir do mañá, martes 1 de setembro.

Trátase de executar os servizos e a pavimentación no tramo que vai do punto quilométrico 0+400 ao 1+200, entre a avenida de Portugal e a glorieta do Olivo, ampliando así a zona de actuación nas obras iniciadas a mediados deste mes.

Para seguir avanzando nos traballos e minimizar no posible as obrigadas afeccións ao tráfico, hoxe estase xa a traballar na sinalización do corte da rúa e nos desvíos que se habilitarán para a circulación de autobuses e vehículos lixeiros.

Tanto o corte da rúa como os desvíos de tráfico coordináronse cos departamentos do Concello de Ourense involucrados, así como coa DXT. Cómpre sinalar que conforme ás indicacións do Concello, foi necesario eliminar o illote axardinado na intersección das rúas Nicomedes Pastor Díaz e a Avenida de Portugal para executar unha laxa de formigón, para que os autobuses poidan realizar o xiro de forma segura e cómoda. O illote repoñerase ao final dos traballos.

Accesos servizos e residentes

Mentres se acometan estas actuacións, manterase o acceso tanto para os servizos de carga e descarga, o acceso aos aparcamentos de residentes e o tránsito de peóns.

Os vehículos de carga e descarga e aparcamentos privados terán acceso desde a rotonda do Olivo sentido entrada á cidade, facilitándose o seu acceso na zona de traballo a través dun carril, o cal se irán modificando segundo o avance dos traballos.

Ademais, facilitaranse zonas de carga e descarga ao longo da obra, próximas aos establecementos que precisen deste servizo. Estas zonas tamén irán variando e adaptándose en función das zonas onde se estean executando os traballos. Darase tránsito aos peóns polas beirarrúas opostas ás zonas onde se estea traballando, facilitando mediante vaias e pasarelas metálicas o acceso ás súas vivendas.

O prazo inicial estimado dos traballos nesta zona é dun mes, condicionado pola climatoloxía e o tipo de dureza do terreo.

Investimento de 1,7 millóns de euros

As obras de acondicionamento da rúa Marcelo Macías, cun investimento da Xunta de 1,7 millóns de euros, e un prazo de execución de 12 meses, permitirán a renovación do firme e dos servizos, así como a mellora das beirarrúas ao longo de 1,3 km.

A intervención aproveitarase para facer labores de mantemento no viaduto sobre o río Barbaña, que se dotará de iluminación singular e traballarase na accesibilidade peonil.

Tamén, no referente aos servizos, se renovarán as redes de abastecemento, saneamento e as de alumeado.

Ademais a actuación inclúe o reforzo da seguridade viaria coa instalación de pasos de peóns con iluminación específica.

Todas estas renovacións de servizos supoñen un incremento do custo de proxecto inicial, polo que se fixo necesario un compromiso de cofinanciamento do 30% por parte do Concello de Ourense nesta actuación.