A EGAP destina 403.843 euros para o financiamento de plans de formación nas entidades locais galegas

As entidades beneficiarias son a Fegamp, as catro deputacións provinciais e os concellos de Vigo, Pontevedra e A Coruña

Dende a asunción desta competencia por parte da Xunta de Galicia en 2014 financiáronse un total de 905 actividades dirixidas a máis de 24.000 persoas

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) vén de resolver a adxudicación das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2020, convocadas o pasado mes de maio.

Grazas a esta acción a Escola repartirá un total de 403.843 euros entre un total de 8 entidades: a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) (73.301 euros), a Deputación Provincial de Lugo (52.884,30 euros), a Deputación Provincial da Coruña (103.422,77 euros), a Deputación Provincial de Ourense (58.280,90 euros), a Deputación Provincial de Pontevedra (75.479,54 euros), o Concello de Vigo (16.530,14 euros), o Concello de Pontevedra (5.870,63 euros) e o Concello da Coruña (18.073,76 euros).

Mediante estas dotacións orzamentarias a Escola persegue achegar fondos aos entes locais solicitantes para que poidan complementar os recursos propios destinados a formar ao seu persoal. Esta formación, xunto coa programación específica da EGAP incluída no plan anual, permite garantir a actualización de coñecementos e habilidades das empregadas e empregados públicos e, deste xeito, ofrecer un mellor funcionamento dos servizos á cidadanía.

Balance das subvencións

Dende a asunción desta competencia por parte da Xunta de Galicia acadáronse importantes fitos. Así, entre 2014 e 2019 investíronse nas entidades locais galegas un total 2.574.252 euros que permitiron convocar un total de 905 actividades e 27.455 horas de formación impartidas a 24.138 empregadas e empregados públicos.

Imaxes relacionadas