Os avances nas obras de reforzo do firme na VG-2.1, en Monforte de Lemos, obrigan desde hoxe a realizar cortes parciais nesta vía de altas prestacións

Actúase nos preto de 3 quilómetros de lonxitude da vía, renovando integramente a capa de rodaxe na calzada e nas beiravías

Os traballos forma parte das obras de mellora de firme iniciadas a mediados deste mes na LU-933 e LU-546, así como na estrada LU-722, en Navia de Suarna

As intervencións contan cun investimento autonómico de máis dun millón de euros e un prazo de execución de 6 meses

As tarefas completaranse coa reposición e renovación da sinalización horizontal e balizamento en todas as estradas

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020

Os avances nas obras de reforzo do firme na VG-2.1, en Monforte de Lemos, obrigan desde hoxe a realizar cortes parciais nesta vía de altas prestacións.

Este traballos impulsados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade están a permitir actuar en toda a lonxitude da VG-2.1, en preto de 3 quilómetros, e realizar unha renovación completa da capa de rodaxe na calzada e nas beiravías.

A intervención enmárcase no contrato de obras de mellora de firme iniciadas a mediados deste mes de agosto nas estradas LU-933, tamén en Monforte; na LU-546, ao seu paso polo Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria; e na LU-722, en Navia de Suarna.

O conxunto das actuacións, cun investimento de máis dun millón de euros, conta cun prazo de execución de 6 meses.

Na estrada LU-933 está previsto mellorar o firme coa extensión dunha nova capa de rodaxe ao longo de cinco quilómetros entre Monforte e Bascós, incluído o treito urbano dentro da localidade monfortina. Tamén se realizará unha limpeza de gabias e noiros.

Pola súa banda, na LU-546 actúase nuns 10,7 quilómetros e o proxecto contempla o reforzo localizado do firme, mediante a realización de fresados a carril completo, e a extensión dunha nova capa de rodaxe en carrís e beiravías.

Ao tempo, seguen avanzándose nos traballos no tramo final da estrada LU-722, que conecta Navia con Becerreá e coa autovía A-6, en concreto, desde a saída da Pobra de Navia, capitalidade municipal, ata o cruzamento coa vía provincial LU-P-3502.

Cómpre lembrar que as obras de mellora de firme que está a executar o departamento que dirixe Ethel Vázquez na estrada LU-722, en Navia de Suarna, fan necesario manter o corte da calzada e o desvío do tráfico desde o pasado día 27 de agosto ata o vindeiro venres 4 de setembro.

En todas as estradas está previsto completar as actuacións de mellora do firme coa execución posterior de tarefas de reposición e renovación da sinalización horizontal e balizamento.