As obras da Cidade da Xustiza avanzan coa escavación no aparcadoiro, os traballos no edificio anexo e as instalacións interiores

A escavación dun túnel no aparcadoiro durante este verán requiriu do uso dunha minipala, polas reducidas dimensións do espazo e supuxo picar máis de 800 metros cúbicos de material

Durante este verán, tamén se executou a nova cimentación e continúase traballando nas fachadas que non están rematadas

En xuño comenzáronse a reconstruír as estruturas coñecidas como “haches” e trabállase nas instalacións interiores das plantas da torre

A Xunta mantén a previsión de que os principais traballos estarán rematados a finais de ano, e agárdase que o resto finalizará no primeiro trimestre de 2021

Vigo, 30 de agosto de 2020

As obras da Cidade da Xustiza continúan avanzando dentro do previsto. Durante este verán, estanse acometendo actuacións de calado como as escavacións no aparcadoiro, traballos no edificio anexo, instalacións interiores nas plantas da torre ou a reconstrución das estruturas coñecidas como “haches”. A Xunta mantén a previsión de que os principais traballos rematarán a finais deste ano, e agárdase que o resto finalizará no primeiro trimestre de 2021.

Algúns dos principais traballos que se continúan acometendo durante este verán están relacionados coa escavación do aparcadoiro. Así, por exemplo, este mesmo mes rematouse un túnel de conexión dos ascensores da torre co aparcadoiro, no que foi necesario empregar unha minipala, dadas ás reducidas dimensións do espazo, para picar máis de 800 metros cúbicos de material.

Pola súa banda, nas cotas máis baixas do aparcadoiro, estase empregando maquinaria de gran envergadura para poder extraer os extractos rochosos que apareceron. En calquera caso, cómpre destacar que a continuación dos traballos de escavación non supón un impedimento para acometer outras partes do aparcadoiro. De feito, a estrutura da primeira zona do aparcadoiro está avanzada.

Ademais, durante estes meses, os traballadores continúan avanzando na estrutura do edificio anexo. Comezouse en febreiro de 2020 e prevese que poida estar rematado nas primeiras semanas de outubro.

No mes de xuño, tamén comezaron os traballos de reconstrución das estruturas coñecidas como “haches”. Actualmente, dúas delas están xa moi avanzadas. Ademais, séguese avanzando nos traballos interiores da torre. De feito, a medida que se foron terminando as estruturas e cerramentos, deuse comezo aos traballos interiores de instalacións e divisións. Así, hai plantas onde eses traballos xa están terminados e outras están en proceso de división.

Durante estes meses de verán, tamén se executou a nova cimentación e déronse por rematados os traballos de reforzo de pilares. Tamén se finalizaron en xuño as escaleiras que van da planta 0 á 19 e parte da estrutura dos ascensores. Ademais, estase traballando coas fachadas que lindan con novas estruturas e que non foron executadas con anterioridade.

Desde hai varios meses, hai entre 150 e 200 traballadores en distintas quendas de traballo. A previsión é que a partir do mes de outubro a cifra supere os 200 traballadores. En canto á maquinaria, pódese observar de forma continuada a existencia dunha grúa torre de 90 metros de altura, autogrúas, camións ou escavadoras de gran tonelaxe.

Condicionantes da crise sanitaria

Hai que ter en conta que, ao igual que sucedeu co resto de obras, os traballos da Cidade da Xustiza de Vigo tamén se viron condicionados pola crise sanitaria e as restricións que se aplicaron para frear a pandemia. Así, a restrición da libre circulación de persoas e o cese de numerosas actividades tras a entrada en vigor do Estado de Alarma supuxo unha afectación á execución da obra, que se agravou posteriormente coa imposición do cese de actividades non esenciais e, con el, a imposibilidade de traballar na obra e o peche de moitas fábricas de subministros.

Rematada a vixencia destas medidas, reanudouse a actividade da obra pero tendo en conta que durante meses se paralizou a subministración de certos materiais e aumentaron os seus prazos de entrega. Tamén está afectada a importación de material e maquinaria procedente doutros países, que mantén certas incertezas ao estar suxeita á situación e lexislación de cada estado, que pode ir mudando.

Imaxes relacionadas