Este luns comezan as estadías de tempo libre financiadas pola Xunta destinadas a mulleres soas con menores ao seu cargo

Terán preferencia as mulleres vítimas de violencia de xénero

As estadías son totalmente gratuítas para as beneficiarias e desenvolveranse en concellos das catro provincias galegas

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2020

Este luns, 31 de agosto, comezarán as estadías de tempo libre que financia a Xunta para facilitar un tempo de lecer ás mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas, entre as que terán preferencia as vítimas de violencia de xénero. En total, beneficiaranse más de 70 persoas, entre mulleres e os seus fillos e fillas.

As estadías, que se prolongarán ata o próximo 6 de setembro, desenvolveranse en concellos das catro provincias galegas. Son totalmente gratuítas para as beneficiarias, xa que están cubertos todos os custos de aloxamento, en réxime de pensión completa; o traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia; e o equipo de monitoras/es e actividades complementarias.

De feito, as estadías non ofrecen só a oportunidade de coñecer lugares distintos, senón que tamén inclúen actividades como excursións e a organización de actividades lúdicas das que se encargarán monitores especializados.

Cómpre ter en conta que, debido á crise sanitaria provocada pola covid-19, este ano tomáronse precaucións adicionais. Así, os grupos serán limitados e as actividades lúdicas serán en espazos suficientemente amplos para cumprir todas as garantías de seguridade. Os medios de transporte estarán limpos e desinfectados e os monitores deberán ter coñecementos para adaptar as actividades ás medidas sanitarias.

Os requisitos principais para poder acceder a estas axudas é ter fillas ou fillos ou menores en acollida entre os 2 e os 12 anos; non convivir coa parella afectiva; e non superar o límite do importe de 1,5 veces o IPREM vixente nos seis meses anteriores á presentación da solicitude.

Imaxes relacionadas