A Xunta destinou no primeiro semestre máis de 4,5 millóns de euros para financiar a asistencia xurídica gratuíta

Nos seis primeiros meses do ano atendéronse máis de 22.500 asuntos

O Goberno galego adiantou o pago do primeiro trimestre deste ano aos profesionais do servizo ante as dificultades causadas pola covid-19 e compensou aos procuradores pola baixa actividade xudicial debido á pandemia

A Asistencia Xurídica Gratuíta está considerada pola Xunta como un servizo fundamental para garantir o acceso á xustiza de tódolos cidadáns en igualdade de condicións

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2020

A Xunta destinou no primeiro semestre do ano arredor de 4,6 millóns de euros para financiar o mantemento da asistencia xurídica gratuíta mediante os pagos aos avogados e procuradores que atenden a quenda de oficio en Galicia. Esta contía correspondese cun total de 22.560 asistencias.

Con esta medida, o Goberno galego garante o dereito fundamental de acceso á xustiza de toda a cidadanía en igualdade de condicións. Ademais, ante a situación excepcional causada polo crise sanitaria do coronavirus, a Xunta decidiu adiantar o pago do primeiro trimestre da quenda de oficio -2,9 millóns de euros para os colexios de Avogados e 275.000 euros para o Consello Galego dos Procuradores- antes de que se presentasen as certificacións das actuacións realizadas.

A Administración autonómica tomou esta decisión co obxectivo de darlle liquidez aos colexios de avogados e procuradores que atenden este servizo. Na mesma liña, o Goberno galego destinou unha dotación de 149.000 euros aos procuradores da quenda de oficio por contribuír ao funcionamento e ao mantemento deste servizo. A través desta compensación, que se enmarca no convenio asinado entre a Xunta e o Consello Galego dos Procuradores, axúdase a paliar o impacto provocado pola pandemia no sector debido á paralización da actividade xudicial co decreto do estado de alarma.

A redución da actividade, que quedou reducida aos servizos esenciais durante o confinamento, motivou tamén un descenso dos asuntos atendidos pola quenda de oficio, en especial na xurisdición penal, cun total de 8.784 casos no primeiro semestre deste ano que supoñen unha baixada de máis do 20% respecto ao mesmo período do ano pasado.

Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas polos colexios profesionais de avogados e procuradores. Ademais, en 2017 asinou sendos acordos co Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego dos Procuradores para incrementar as remuneracións dos letrados e procuradores da quenda de oficio, situando á comunidade galega á cabeza de España, ao mesmo tempo que se reduciu o prazo de pago a estes profesionais.

Imaxes relacionadas