A Xunta remata a renovación de beirarrúas e da rede de pluviais na estrada autonómica AC-550 ao seu paso polo Concello de Ribeira, entre Padín e Deán Pequeno

A intervención, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, supuxo un investimento autonómico duns 315.000 euros

Actuouse na beirarrúa deteriorada, na marxe esquerda no tramo de acceso á vila que coincide coa avenida de Ferrol, e na marxe dereita entre os puntos quilométricos 107+460 e 107+870

Substituíuse o pavimento e colocáronse novas baldosas e bordos, ademais de modificar pasos peonís e mellorar a drenaxe da estrada

Ademais da obra prevista inicialmente, o departamento de Infraestruturas colaborou co Concello na renovacion da condución de fibrocemento de abastecemento que discorría baixo a beirarrúa

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2020

A Xunta vén de rematar as obras de renovación de beirarrúas e pluviais na estrada autonómica AC-550 ao seu paso polo concello de Ribeira, entre Padín e Deán Pequeno, cun investimento global duns 315.000 euros.

A intervención, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, centrouse na mellora e reposición de toda a beirarrúa deteriorada da AC-550, na súa marxe esquerda no acceso á poboación -entre os puntos quilométricos 107+320 e 107+870-, na Avenida de Ferrol. Tamén se actuou na marxe dereita entre os puntos quilométricos 107+460 e 107+870.

Os traballos incluíron a substitución do pavimento, colocando novas baldosas de formigón en branco ou gris e novos bordos. Puxéronse a cota do novo pavimento as arquetas e os pozos de rexistro nas zonas de actuación e modificáronse os pasos peonís.

Ademais, mellorouse a drenaxe, aumentando o número de sumidoiros na marxe esquerda de modo que a separación entre eles sexa menor de 30 metros. Pola súa parte, dotouse a marxe dereita de sumidoiros, instalando un novo colector de pluviais conectado mediante pozos de rexistro a novos sumidoiros.

Entre os puntos quilométricos 107+700 e 107+775 procedeuse á reposición do colector de fecais, que se atopaba en mal estado.

Ademais das obras inicialmente previstas, o departamento de Infraestruturas colaborou co Concello para aproveitar a actuación e renovar a condución de fibrocemento de abastecemento que discorría baixo a beirarrúa.

Con intervencións coma esta a Xunta continúa a traballar para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, ofrecendo unhas estradas cómodas e seguras para todos os seus usuarios e fomentando o desenvolvemento económico e social dos municipios.

Imaxes relacionadas