A Xunta dá continuidade ao acordo coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o desenvolvemento para actuacións conxuntas en acción humanitaria

Trátase dun convenio multilateral, que tamén será asinado polas comunidades de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Canarias, Extremadura, Baleares, Comunidade de Madrid e Castela León e pola FEMP

O acordo está dotado con 1,6 M€ para paliar as crises humanitarias en Venezuela, nos campamentos de refuxiados do Tinduf de Alxeria, en rexións de Mali e en Nixeria a través de achegas de organismos multilaterais como o Comité Internacional de Cruz Vermella ou as Nacións Unidas

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2020

A Xunta dará continuidade ao acordo de colaboración entre o Goberno galego e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), para a programación conxunta de actuacións en materia de acción humanitaria. O Goberno galego mantén así a colaboración entre esta organización e a cooperación descentralizada que se prorrogou o ano pasado e neste exercicio volve a renovarse.

Trátase dun convenio multilateral que, ademais de Galicia, tamén está asinado polas comunidades autónomas de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Comunidade Valenciana, Canarias, Extremadura, Baleares, Comunidade de Madrid e Castela e León, así como a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O acordo está dotado con 1,6 millóns de euros, dos que AECID aportará 1 millón de euros e cada unha das comunidades adheridas achegará 50.000 euros, a excepción de A Rioxa, que destinará 100.000 euros.

O obxectivo deste convenio é levar a cabo actuacións e proxectos en materia de acción humanitaria e de emerxencias en países con poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, regulando a colaboración das partes, así como as finalidades concretas de dita colaboración e os compromisos financeiros asumidos polas mesmas.

Deste xeito, 500.000 euros da dotación orzamentaria destinarase ao Comité Internacional da Cruz Vermella para dar resposta á covid-19 no sector da saúde de Venezuela. Tamén se achegarán outros 500.000 euros ao Programa Mundial de Alimentos (PMA) das Nacións Unidas, para proporcionar seguridade alimentaria e apoio para frear o avance da pandemia do coronavirus entre as persoas refuxiadas nos campamentos alxerinos de Tinduf.

Por outra parte, apoiarase outro proxecto de ONU Mulleres en Mali dirixido á protección das mulleres e nenas nas rexións de Mopti e Gao e unha iniciativa que o PMA en Nixeria levará a cabo para mellorar a seguridade alimentaria dos fogares afectados polo conflito no estado do Borno. Cada un destes dous proxectos contará cunha achega de 300.000 euros.

Plan Anual de Cooperación Galega

O convenio con AECID enmárcase no Plan Anual 2020 para a Cooperación Galega, que conta cunha dotación orzamentaria de 6,6 millóns de euros para este ano, un millón máis que a dotación de 2019. Este programa englobase, á súa vez, no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021. Ademais deste acordo, xa se teñen publicado no ámbito da atención humanitaria outros con organizacións como Farmamundi, a Asociación España con Acnur, UNRWA España, UNICEF Comité Español ou SOGAPS para levar a cabo programas de emerxencia alimentaria e, sobre todo, para previr o avance da covid-19 entre as poboacións máis desfavorecidas.

No que vai de ano, xa se publicaron tamén as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega como son as de proxectos no exterior con ONGD e outros axentes de cooperación cunha achega de máis de 1,8 millóns para financiar 26 proxectos; aos que se engaden 300.000 euros para financiar 6 programas de acción humanitaria.

Ademais, convocáronse as subvencións para proxectos de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, cunha dotación de 500.000 euros; prorrogáronse ata 2021 as bolsas de formación de expertos de cooperación internacional para o desenvolvemento; e asinouse o convenio coa Coordinadora Galega de ONG para apoiar ao sector das ONG con 100.000 euros. Un ano máis, tamén se dou continuidade á liña de transferencia tecnolóxica para a mellora da diversificación produtiva do sector acuícola e pesqueiro mediante un novo convenio con Anfaco-Cecopesca.

Imaxes relacionadas