A Policía Autonómica remata un operativo con 14 persoas investigadas por furtivismo e por infrinxir as restricións do estado de alarma

O dispositivo levouse a cabo no poboado do Portiño coa colaboración do Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia e vixiantes da Confraría de Pescadores da Coruña

Comisouse un vehículo e realizáronse 25 identificacións
 

A Coruña, 21 de agosto de 2020

A Policía Autonómica vén de finalizar a operación que resultou na investigación de 14 persoas como presuntas autoras delitos de furtivismo e polo incumprimento reiterado das medidas adoptadas durante o estado de alarma decretado durante o coronavirus. O operativo saldouse tamén coa identificación de 25 persoas e a intervención dun vehículo.

O dispositivo desenvolveuse na zona do poboado do Portiño e contou coa colaboración da subdirección xeral de Gardacostas da Xunta de Galicia e vixiantes da Confraría de Pescadores da Coruña.

Durante a vixilancia e tras varios controis e operativos de investigación, membros do grupo ERPOL da Policía Autonómica de Santiago de Compostela detectaron un grupo de persoas que extraían percebe de forma ilegal, en varias zonas da costa coruñesa, sobre todo na de As Tres Illas. Estas persoas carecían de licenza para a actividade e non respectaban as zonas vedadas.

Posteriormente, o produto clasificábase no poboado do Portiño e poñíase a disposición dos consumidores sen acreditar as garantías sanitarias requiridas.

Ademais, nas datas nas que se realizaron os operativos estaba vixente o Estado de Alarma decretado pola crise sanitaria do coronavirus, polo que as persoas investigadas quebrantaron as medidas e restricións aprobadas.

Ás 14 persoas investigadas tramitáronselle dilixencias por presuntos delitos de furtivismo e por incumprir de forma reiterada as medidas aprobadas con motivo do decreto do Estado de Alarma debido á pandemia do coronavirus. Os feitos foron postos en coñecemento do Xulgado de Garda da Coruña.

Imaxes relacionadas