A Xunta inicia as obras de mellora de firme en 5 estradas autonómicas da provincia da Coruña, cun investimento de máis dun millón de euros

Estes traballos de acondicionamento contan cun prazo de execución de 4 meses

Actuarase nas vías AC-400, AC-404, AC-429, AC-444 e AC-419, nos concellos da Baña, Carballo, Cerceda, Laxe, Ponteceso, Santa Comba, Tordoia e Zas

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación das estradas autonómicas coa fin de incrementar a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar a execución das obras de mellora do firme en 5 estradas autonómicas da provincia da Coruña, cun investimento de máis dun millón de euros.

Trátase de actuacións nas vías AC-400, AC-404, AC-429, AC-444 e AC-419, ao seu paso polos concellos da Baña, Carballo, Cerceda, Laxe, Ponteceso, Santa Comba, Tordoia e Zas.

Estas intervencións para acondicionar a capa de rodadura das estradas dispoñen dun prazo de execución de 4 meses.

O contrato ten por obxecto a rehabilitación de firme naqueles puntos nos que presente carencias ou se atope deteriorada, coa finalidade de reforzar e mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios destas estradas.

As actuacións comezaron na estrada Negreira -Ponte Failde (AC-444), onde se desenvolverán entre o punto quilométrico 0+570 e o 10+910. Ademais da reparación das superficies, reporanse as marcas viarias, captafaros e bandas sonoras e obras de drenaxe.

Na estrada Sigrás -Muros (AC-400), actuarase no tramo que vai do punto quilométrico 28+600 ao 62+500. Neste treito repararanse as superficies deterioradas da vía e procederase á reposición das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras e barreira metálica.
Na vía Santa Comba- Baio (AC-404), os traballos de rehabilitación de firme realizaranse entre os puntos quilométricos 1+350-20+670. A actuación incluirá a reposición das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras, sinalización vertical e obras de drenaxe.

As melloras previstas na estrada que une Ponteceso e Laxe (AC-429), irán desde o punto quilométrico 0 ao 11+710. Repararanse as superficies deterioradas e reporanse as marcas viarias. Estes mesmos traballos son os que se realizarán na AC-419, que enlaza Buño e Ponteceso, desde o punto 3 ao 4.

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación das estradas autonómicas coa fin de incrementar a seguridade viaria.

Imaxes relacionadas