A Xunta adxudica as obras de execución dun sistema de depuración no núcleo de Feá, no Concello de Toén
Esta intervención foi adxudicada por un importe de máis de 35.000 euros e conta cun prazo de execución de tres meses
O sistema constará dunha arqueta de desbaste para a separación dos sólidos grosos, un decantador- dixestor para tratar os fangos xerados e un leito bacteriano
A liña de depuración disporá no seu final de tres pozos de infiltración para eliminar o vertido directo á canle do río
A Xunta vén achegando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de execución dun sistema de depuración no núcleo de Feá, no Concello de Toén.
Esta intervención foi adxudicada á empresa Construcciones y Almacenes Manuel Viso e Hijos, S.L. por un importe de máis de 35.000 euros.
O prazo de execución previsto para estas actuacións hidráulicas é de tres meses.
O obxectivo do contrato é a construción dun sistema de depuración con capacidade para 52 habitantes equivalentes coa fin de darlle servizo ao núcleo de Feá.
Esta infraestrutura constará dunha primeira arqueta de desbaste para a separación dos sólidos grosos, un decantador-dixestor prefabricado de formigón armado, para a decantación e dixestión dos fangos xerados e un leito bacteriano.
Ao final da liña de depuración disporanse tres pozos de infiltración para eliminar o vertido directo á canle do río.
A Xunta continua achegando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficiente os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.