A Xunta apoia con máis de 118.000 euros a 61 agrupacións de voluntarios de Protección Civil da provincia da Coruña

O orzamento total destinado á orde de axudas para colaborar cos gastos de funcionamento destas entidades acada os 340.000 euros e chegará a 188 agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes

As subvencións complementan outra convocatoria dotada con 934.000 euros para reforzar o material de emerxencias ás AVPC da comunidade

A Coruña, 19 de agosto de 2020

A Xunta destina máis de 118.000 euros para colaborar cos gastos de funcionamento de 61 agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia da Coruña. Estas achegas forman parte da orde de axudas a estas asociacións de persoal voluntario de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios. A través destas subvencións, o Goberno galego colabora coas AVPC nos seus gastos de funcionamento e destina un total de 340.000 euros a 188 entidades da comunidade.

As agrupacións beneficiarias poderán investir as axudas recibidas na adquisición de equipamento e uniformes ou de equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; en sufragar actuacións da agrupación, así como os gastos ocasionados pola conservación, mantemento ou o alugamento da base e medios de intervención. Tamén se colabora nos pagamentos dos seguros do persoal voluntario e nos custos de formación dos seus membros.

Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Deste xeito, vén a complementar outros programas de apoio para mellorar o equipamento, os vehículos ou a formación dos voluntarios.

Con este obxectivo, a Xunta habilitou o pasado mes de maio outra liña de subvencións en especie, dotada con 932.400 euros, dirixida á adquisición de vehículos todo camiño e pick up, remolques de emerxencia, tendas de campaña, quads, embarcacións pneumáticas ou equipos de excarceración ou esparexadores de sal.

Ademais, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ofrece unha formación actualizada no eido das emerxencias e, nesta liña, ofrece aos novos membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil o curso obrigatorio para obter o seu carné de voluntario. De feito, a Academia vén de convocar un curso básico con oito edicións correspondentes ao segundo semestre deste ano que contarán con 60 prazas por cada edición e 32 horas lectivas.