A Xunta destina 15.140 euros a colaborar coas agrupacións de voluntarios Protección Civil de dez concellos da área de Vigo

Estas axudas, que permitirán sufragar os gastos de funcionamento de agrupacións dos municipios de menos de 50.000 habitantes, complementan a outra orde de apoio para mellorar o equipamento, vehículos ou a formación dos voluntarios

O investimento do Goberno galego nos últimos anos en medios materiais cedidos aos servizos de emerxencias dos concellos de Galicia supera os 12 millóns de euros

Vigo, 18 de agosto de 2020

A Xunta de Galicia destina este ano 15.140 euros a colaborar cos gastos de funcionamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de dez concellos da área territorial de Vigo. Concretamente benefícianse desta orde de axudas os municipios de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Soutomaior, Redondela, Cangas e Moaña, así como a Mancomunidade do Val Miñor -Baiona, Gondomar e Nigrán-.

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Con este obxectivo, tense habilitado o pasado maio outra liña de subvencións en especie con vehículos todo camiño e pick up, remolques de emerxencia, tendas de campaña, quads, embarcacións pneumáticas ou equipos de excarceración ou esparexadores de sal.
A Xunta destinou á convocatoria deste ano 932.400 euros para equipar a estas agrupacións. O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC no conxunto da comunidade supera os 12 millóns de euros. Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os voluntarios reciben formación sobre a atención ás emerxencias.