A Policía Autonómica tramitou 152 denuncias esta fin de semana nos dispositivos para controlar as medidas ante a covid-19

Os axentes realizaron 108 dispositivos nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e nos concellos da área metropolitana da Coruña

No marco destes controis realizáronse 131 inspeccións nas que foron identificadas 174 persoas

A Policía Autonómica actuou para vixiar que se cumpran as medidas de protección establecidas polas autoridades para facer fronte á crise sanitaria do coronavirus

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo esta fin de semana 131 inspeccións no marco do Plan de actuación específico destinado á inspección e control das medidas adoptadas para facer fronte á crise sanitaria provocada pola covid-19. Nestes controis identificáronse a 174 persoas e levantáronse 152 actas de infracción por incumprimento das medidas de protección.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 13 ao 16 de agosto a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Realizáronse 108 dispositivos nos concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, así como nos concellos da área coruñesa.

Os axentes das distintas sedes actuaron en dispositivos en quendas de mañá, tarde e noite e contaron con reforzos de efectivos da Xefatura de Santiago de Compostela.

Durante os operativos, controlaron que os establecementos abertos ao público, centros comerciais ou zonas de ocio respectaban as medidas sanitarias aprobadas para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o aforo e acondicionamento dos locais, ademais da prevención do botellón.