Un total de 13 empresas presentan as súas ofertas para levar a cabo o Programa de inspección e xestión de noiros e muros nas estradas autonómicas

O servizo permitirá ter información detallada, realizar inspeccións rutineiras ou especiais e acometer as actuacións preventivas necesarias para aumentar a vida útil das estruturas, garantir a funcionalidade das vías e reforzar a seguridade viaria

O contrato, cun investimento de 347.000 euros ten vixencia por 3 anos e a posibilidade de ser prorrogado durante 2 anos máis por 223.000 euros adicionais

Os datos sobre os muros e noiros subiranse a unha nova aplicación informática, que se está a desenvolver en colaboración coa AMTEGA, e que está xa a funcionar coa información e xestión sobre as pontes e obras de paso das vías autonómicas

Este programa, xunto co de seguridade e inspeccións das pontes e obras de paso que xa está en marcha, completará a xestión do risco nas estradas autonómicas

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020

Un total de 13 empresas veñen de presentar as súas ofertas para levar a cabo o programa de inspección e xestión de muros e noiros existentes na rede de estradas autonómicas.

Este contrato, cun investimento de 347.000 euros e unha vixencia de tres anos, terá a posibilidade de ser prorrogado durante dous anos máis contemplando, neste caso, 223.000 euros adicionais.

O programa permitirá ter unha radiografía completa de 600 muros e noiros situados nas estradas autonómicas, preseleccionados polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas para o seguimento debido ao seu estado, altura ou outros parámetros como morfoloxía, xeoloxía ou contención.

A iniciativa contribuirá á anticipación na adopción das medidas necesarias ante un contexto de cambio climático no que cada vez son máis frecuentes os episodios de chuvias intensas ou o risco de inundacións, que poden afectar a estas estruturas.

Ademais farase un inventario con información detallada destas estruturas e programaranse actuacións rutineiras ou especiais, segundo o estado no que se atopen os muros e noiros analizados.

O contrato tamén recolle a posibilidade de informatizar e subir os datos inventariados a unha nova aplicación que se está a desenvolver en colaboración coa AMTEGA, e que está xa a funcionar coa información e xestión sobre as pontes e obras de paso das vías autonómicas.

A maiores, elaborarase unha guía propia cos métodos a seguir para realizar as inspeccións e actuar nos muros e noiros. Esta nova guía aglutinará todos os coñecementos, o resultado das inspeccións realizadas, as tipoloxías dos muros e noiros, o seguimento do seu estado e as solucións adoptadas para a súa mellor conservación.

Este programa, xunto co de seguridade e inspeccións das pontes e obras de paso que xa está en marcha, e coa nova aplicación informática, completará o sistema de xestión do risco nas estradas autonómicas.