O acondicionamento da ponte do río Deva precisará manter ata o 25 de setembro o desvío de tráfico na OU-801, ao seu paso por Pontedeva e Cortegada

No primeiro estribo atopáronse deterioros na parte inferior das vigas metálicas, polo que o remate das reparacións necesita prolongar o corte

Para facilitar a mobilidade, dende o 15 de xuño hai dous desvíos, un para o tráfico pesado por Ponte Frieira e outro para o lixeiro pola OU-194 e a OU-193

A actuación permite substituír os apoios existentes degradados e deixar a ponte reforzada e preparada para futuras operacións similares, simplificándoas

A intervención enmárcase no programa de seguridade das pontes e das obras de paso, a través do que se inspeccionan todas as estruturas das estradas autonómicas para anticiparse a posibles futuros problemas

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2020

As obras de acondicionamento na ponte do río Deva precisarán manter ata o 25 de setembro o desvío de tráfico na estrada OU-801, ao seu paso polos municipios de Pontedeva e Cortegada.

A execución dos traballos de reparación dos apoios de estribos na ponte xa contaba cun corte do tráfico sobre a propia infraestrutura dende o 15 de xuño. O levantamento deste desvío prevíase para mediados de agosto, pero cómpre prolongalo por mor do desenvolvemento das obras.

Unha vez realizada a manobra para levantar a ponte, no primeiro estribo atopáronse diversos deterioros na parte inferior das vigas metálicas, polo que foi necesario subsanalas.

O arranxo dun dos estribos xa rematou e agora comezan os traballos noutro, que necesitará de reparacións adicionais similares ás do primeiro.

Para facilitar a circulación na contorna, cómpre lembrar que están habilitados dous desvíos, un para o trafico pesado por Ponte Frieira (estradas OU-412 e PO-400), e outra alternativa para o tráfico lixeiro pola OU-194 e OU-193.

A actuación permite substituír os apoios existentes degradados e deixar a ponte reforzada e preparada para futuras operacións similares, simplificándoas.

A intervención enmárcase no programa específico de seguridade das pontes e das obras de paso, a través do que se levan a cabo inspeccións periódicas e constantes en todas as estruturas das estradas autonómicas para anticiparse a posibles futuros problemas.

Con esta iniciativa, a Xunta supervisa de forma permanente o estado destes elementos, mantén actualizada a información sobre o seu estado de conservación e promove as actuacións preventivas que se consideran necesarias.

Imaxes relacionadas