As obras de mellora do firme na estrada OU-122, en Carballeda de Valdeorras, precisarán un corte e desvío de tráfico desde o luns ata o vindeiro martes 25 de agosto

Para avanzar nos traballos, cortarase a calzada desta vía, entre os puntos quilométricos 16+480 e 20+220 e desviarase o tráfico á altura de Sobradelo

O desvío discorre pola estrada N-536 ata Puente de Domingo Flórez, onde se produce outro por Vega de Yeres, Castroquilame, Pombriego, Llamas de Cabrera, Silván e La Baña

No resto do tramo de OU-122 e en toda a OU-123, os traballos execútanse en medias calzadas, mantendo o tráfico alterno polo carril contiguo

Os traballos realízanse coincidindo coa parada de actividade das canteiras coa fin de minimizar no posible as afeccións ao tráfico

Estas obras, que comezaron esta semana, teñen un investimento de máis dun millón de euros

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2020

As obras de mellora de firme que está a executar a Xunta na estrada OU-122, en Carballeda de Valdeorras, farán necesarios un corte e desvío do tráfico desde o luns ata o martes 25 de agosto.
Para avanzar nos traballos, será preciso o peche de calzada, entre os puntos quilométricos 16+480 e 20+220. Ademais, realizarase un desvío provisional ao tráfico de acceso a La Baña (León) na estrada OU-122, ao seu paso por Sobradelo. O acceso a Casaio pola OU-122 non resulta afectado polo desvío provisional.
A alternativa discorre pola estrada N-536 ata Puente de Domingo Flórez (León), localidade onde se produce outro desvío por Vega de Yeres, Castroquilame, Pombriego, Llamas de Cabrera, Silván e La Baña.
No resto do tramo de OU-122, entre os puntos quilométricos 20+220 e 26+400, e en toda a OU-123, os traballos execútanse en medias calzadas, mantendo o tráfico alterno polo carril contiguo regulado por sinalistas.
Os traballos realízanse coincidindo coa parada de actividade das canteiras coa fin de minimizar no posible as afeccións ao tráfico.
Estas actuacións, que comezaron esta semana, lévanse a cabo nas estradas autonómicas OU-122 e OU-123, en Carballeda de Valdeorras, no acceso ás canteiras de lousa.
As obras, cun investimento de máis dun millón de euros, terán un prazo de execución de 6 meses.
A intervención comprenderá melloras na capa de rodadura na estrada OU-122, desde o punto quilométrico 16+400 ata o final, na fronteira coa provincia de León, no 26+260; e na estrada OU-123 ao completo, desde a mesma OU-122 a Casaio.
O obxectivo é o acondicionamento dos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras.
Os traballos prevén actuar en todo o ancho da plataforma das dúas estradas e consisten na mellora do estado dos firmes, na limpeza de gabias e no reperfilado de noiros.