Xunta e Concello de Moraña impulsan unha nova ruta turística multiexperiencial para favorecer a reactivación do sector

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa da vila, María Luisa Piñeiro, para abordar este proxecto

A iniciativa está enfocada a potenciar os requirimentos dos “novos turistas”, centrados na saúde, a natureza a tranquilidade e a paisaxe

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2020

A Xunta e o Concello de Moraña impulsarán unha nova ruta turística multiexperiencial nesta vila co obxectivo de favorecer a reactivación do sector potenciando algúns dos requirimentos dos “novos turistas”, como son a saúde, a natureza, a paisaxe ou a tranquilidade. Precisamente, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa da vila, María Luisa Piñeiro, para abordar os detalles deste proxecto.

O proxecto consta dunha primeira fase na que se identificarán os principais recursos patrimoniais de carácter cultural, natural e gastronómico do concello co obxectivo de crear un produto atractivo enfocado á identificación de experiencias vinculadas co territorio, o turismo cultural, gastronómico e de natureza. De feito, o concello de Moraña caracterízase por contar con abundantes restos arqueolóxicos así como unha ampla oferta paisaxística e celebracións como a Festa do Carneiro ao Espeto, declarada de Interese Turístico Galego.

A segunda fase do proxecto baséase no deseño da propia ruta, incorporando á mesma empresas turísticas e actividades complementarias para incrementar o seu atractivo e valor experiencial. Por último, a terceira fase da iniciativa recolle a posta en marcha de traballos de comunicación e difusión da mesma a través de canles como a creación de contidos para a páxina web do Concello.

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións agardou que este proxecto permita impulsar os atractivos turísticos do concello de Moraña, favorecendo tamén a dinamización económica do concello e impulsando o desenvolvemento local vinculado a posta en valor da paisaxe, a natureza ou a enogastronomía.

Imaxes relacionadas