A Xunta inicia as obras de mellora do firme en varias estradas autonómicas nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Betanzos

A actuación, cun investimento de máis de 1,1 millón de euros, conta cun prazo de execución de 5 meses

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora do firme en varias estradas de titularidade autonómica nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Betanzos.

Esta actuación, cun investimento de máis de 1,1 millón de euros, conta cun prazo de execución de 5 meses.

O obxectivo da intervención é a mellora das condicións de circulación nas estradas de titularidade autonómica AC-231, ao seu paso polos municipios de Aranga, Curtis e Sobrado, e na estrada AC-840, en Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar e Boimorto.

O contrato recolle a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias, mediante o fresado e a reposición do firme con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades.

Así mesmo, prevese a limpeza de cunetas e a reposición de sinalización horizontal. Tamén se inclúen as melloras de sinalización vertical ou barreiras de seguridade.
 

Imaxes relacionadas