A Xunta destina 340.000 euros a colaborar coas agrupacións de voluntarios Protección Civil

O DOG publica hoxe a resolución da convocatoria de subvencións que permitirá sufragar os gastos de funcionamento de agrupacións de case 190 concellos de menos de 50.000 habitantes

Estas axudas complementan a outra orde para dotar de material de emerxencias ás AVPC destes municipios

O investimento do Goberno galego nos últimos anos en medios materiais cedidos aos servizos de emerxencias dos concellos galegos supera os 12 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios, ás que a Xunta destina un orzamento de 340.000 euros.

As achegas do Goberno galego permitirán apoiar a un total de 188 agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comunidade. Por provincias, 61 asociacións da Coruña recibirán axudas por valor de algo máis de 118.000 euros; en Lugo, serán 33 agrupacións, cun orzamento de máis de 58.200 euros; en Ourense, hai 63 beneficiarias grazas a un financiamento duns 109.200 euros; e en Pontevedra, as axudas chegarán a 31 agrupacións, con máis de 54.600 euros.

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Con este obxectivo, tense habilitado o pasado maio outra liña de subvencións en especie con vehículos todo camiño e pick up, remolques de emerxencia, tendas de campaña, quads, embarcacións pneumáticas ou equipos de excarceración ou esparexadores de sal.
A Xunta destinou á convocatoria deste ano 932.400 euros para equipar a estas agrupacións. O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC no conxunto da comunidade supera os 12 millóns de euros. Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os voluntarios reciben formación sobre a atención ás emerxencias.