O campamento xuvenil ‘Zerowaste’ promove a educación ambiental entre a xuventude en Nigrán

Mozas e mozos de entre os 14 e os 16 anos participan nas actividades que teñen lugar na residencia de tempo libre de Panxón

Trátase do primeiro ano no que se realizan campamentos nesta instalación, así coma na residencia de tempo libre do Carballiño
 

Nigrán (Pontevedra), 13 de agosto de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá ao grupo de mozas e mozos que participan no campamento xuvenil Zerowaste que ten lugar na residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán. Alí puxo en valor as actividades que se realizan para promover a educación ambiental entre a xuventude.

Os participantes, de entre 14 e 16 anos, puideron desfrutar ademais da práctica de deportes náuticos e do desenvolvemento de proxectos TICs. Trátase da primeira quenda de actividades deste campamento, que se vén desenvolvendo desde o pasado 6 de agosto e que remata hoxe mesmo.

En total, esta Campaña de Verán, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro. Este é o primeiro ano no que as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño acollen campamentos. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.

Ademais, a Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego.