A Xunta publica no DOG a convocatoria dos exames para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril

Os interesados deberán achegar as solicitudes no prazo dun mes, a partir de mañá

Os exames terán lugar en novembro, pero o DOG publicará a data e os horarios concretos coa antelación necesaria

A Xunta informará aos aspirantes sobre as medidas de seguridade dispostas nas probas por mor da covid
 

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

Os exames abranguerán distintas especialidades: para todas as clases ou segundo sexan materias e obxectos explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, detalladas na resolución.

As persoas que precisen dispor deste certificado ou renovalo deberán efectuar os exames correspondentes. No seguinte enlace ao DOG pódese acceder aos modelos de formularios a presentar para concorrer ás probas: https://bit.ly/3aivoUi

Estas solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao desta publicación no DOG. Os formularios achegaranse preferiblemente por vía electrónica a través da dirección https://sede.xunta.gal, pero tamén se poderán entregar nos rexistros establecidos.

Os exames terán lugar, previsiblemente, no vindeiro mes de novembro, pero o DOG publicará coa antelación necesaria a data e os horarios. Nesta publicación tamén se informará das medidas de seguridade dispostas por mor da covid.

A proba constará de dous exercicios, o primeiro consistirá en responder 50 preguntas tipo test e o segundo céntrase en supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente.

Exixencia de certificado

 

 

Cómpre lembrar que a Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, exíxelles ás empresas destas materias respectar as regras en prevención, polo que deben designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, regula a obriga destas empresas a designar conselleiros coa cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida.
 

Imaxes relacionadas