A Xunta adxudica as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés nas rúas Garabal e Mulas ao seu paso polo polígono do Tambre
As actuacións, adxudicadas por un importe de case 800.000 euros, comezarán en setembro e terán un prazo de execución de 6 meses
Os traballos incluirán o acondicionamento das beirarrúas, a delimitación das prazas de estacionamento e a habilitación dunha zona para que os camións manobren con facilidade e seguridade
Esta nova actuación complementará as obras entre o Polígono do Tambre e o Cemiterio de Boisaca, que xa está rematada
A intervención persegue a recuperación de espazos para as persoas, compatibilizando a actividade empresarial cunha percepción do Camiño máis amable para o peregrino
A Xunta vén de adxudicar as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés nas rúas Garabal e Mulas, ao seu paso polo polígono do Tambre, en Santiago de Compostela.
Esta actuación foi adxudicada á empresa Arias Infraestructuras por un investimento de case 800.000 euros, prevéndose o seu comezo en setembro. O prazo de execución das obras estímase en 6 meses.
As obras son actuacións para humanizar o itinerario do Camiño Inglés nesta zona industrial, facendo compatible o paso dos peregrinos que chegan a Compostela coa normal actividade empresarial e industrial, así como coa propia do cemiterio e do tanatorio de Boisaca.
En concreto, consistirán no acondicionamento das beirarrúas; na delimitación das prazas de estacionamento (preto de 300, 50 máis das preexistentes); e na habilitación dunha zona para que os camións poidan manobrar con facilidade e seguridade.
A intervención está encamiñada a garantir a seguridade dos peóns e peregrinos, gañando espazo para as persoas, pero sen desatender as necesidades específicas das empresas, especialmente no que atinxe á mobilidade de vehículos de grandes dimensións.
Esta nova actuación complementará as obras entre o Polígono do Tambre e o Cemiterio de Boisaca, que xa está rematada. Aquí os traballos permiten a reordenación das zonas de estacionamento, a construción dunha senda e a humanización das rúas, poñendo especial énfase en diferenciar as zonas de uso público das de uso privado.
As obras perseguen a recuperación de espazos para as persoas, compatibilizando a actividade industrial cunha percepción do Camiño máis amable para o peregrino. Deste xeito, os traballos compaxinan modernidade, tradición, cultura, identidade e seguridade viaria.