A Xunta adxudica o contrato de vixilancia das presas de Eiras, Baiona e o Con para os vindeiros dous anos

Este servizo foi adxudicado por un importe de máis de 200.000 euros

As presas, destinadas ao abastecemento de auga potable das áreas de Vigo, Baiona e Vilagarcía de Arousa, son de titularidade autonómica

Os obxectivos do servizo son o seguimento da evolución das presas, a detección de anomalías e a disposición de actuacións necesarias para mantelas en bo estado

O contrato inclúe un plan de toma de lecturas para cada presa, a inspección periódica ás instalacións e a elaboración de informes a remitir a Augas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o servizo de vixilancia das presas de Eiras, Baiona e Con, cun investimento de máis de 200.000 euros.

Este contrato, cunha vixencia de dous anos, foi adxudicado á empresa Ingeniería de Instrumentación y Control, SA.

O citado servizo enmárcase no mantemento que a Xunta vén realizando nas presas da súa titularidade.

As presas de Eiras, Baiona e Con, destinadas ao abastecemento de auga potable das áreas de Vigo, Baiona e Vilagarcía de Arousa, respectivamente, son de titularidade autonómica.

Os datos obtidos na vixilancia das presas permiten facer o seguimento da súa evolución, detectar anomalías no seu comportamento e, no seu caso, poder establecer as actuacións preventivas e correctoras para manter as infraestruturas hidráulicas en bo estado.

Os traballos obxecto do contrato incluirán a realización para cada presa dun plan detallado de toma de lecturas en instrumentos de auscultación e en aforadores dos caudais evacuados pola rede de drenaxe.

O contrato tamén contempla a análise periódica das lecturas obtidas na auscultación e na inspección dos encoros, que será remitida a Augas de Galicia, así como as visitas e supervisións rutineiras ás presas e ás súas instalacións.

A empresa adxudicataria tamén deberá levar a cabo a redacción dun informe final anual recompilando as medicións efectuadas, analizando e comparando os datos obtidos e concluíndo o comportamento e o estado da seguridade da presa. Esta información tamén será trasladada á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.