A Xunta inicia as obras de mellora do firme de dúas estradas en Carballeda de Valdeorras, no acceso ás canteiras de lousa

Esta actuación, cun investimento de máis dun millón de euros, terá un prazo de execución de 6 meses

O desenvolvemento dos traballos suporá afeccións ao tráfico, que serán anunciadas e sinalizadas previamente

Trátase dunha intervención nas estradas OU-122 e OU-123, que abrangue desde a fronteira coa provincia de León ata Casaio

Os traballos céntranse no acondicionamento dos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras
 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2020

A Xunta vén de iniciar as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas OU-122 e OU-123, en Carballeda de Valdeorras, no acceso ás canteiras de lousa.
Esta actuación, cun investimento de máis dun millón de euros, terá un prazo de execución de 6 meses.
O desenvolvemento destes traballos fará necesaria a realización de cortes de tráfico, que serán anunciados e sinalizados previamente e contarán cos correspondentes desvíos alternativos para facilitar a mobilidade na contorna.
A intervención comprenderá melloras na capa de rodadura na estrada OU-122, desde o punto quilométrico 16+400 ata o final, na fronteira coa provincia de León, no 26+260; e na estrada OU-123 ao completo, desde a mesma OU-122 a Casaio.
O obxectivo é o acondicionamento dos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras.
Os traballos prevén actuar en todo o ancho da plataforma das dúas estradas e consisten na mellora do estado dos firmes, na limpeza de gabias e no reperfilado de noiros.
As obras incluirán o repintado da sinalización horizontal e a reposición da sinalización vertical e balizamento.
 

Imaxes relacionadas