A Xunta chama ás pemes galegas a participar na nova convocatoria do proxecto europeo C-Voucher

Trátase da primeira iniciativa financiada pola Comisión Europea que distribúe 4,2M€ para promover a economía circular nas cadeas de valor das empresas e na que a Administración autonómica, a través de Gain, participa como socio
 

Ata o 30 de outubro, as pequenas e medianas empresas galegas dos ámbitos da saúde, a economía azul, o téxtil, a agroalimentación e a fabricación poderán presentar o seu proxecto para optar a axudas de ata 15.000 euros e asesoramento técnico para desenvolvelo
 

Vai destinada a pemes que propoñan solucións circulares innovadoras que afonden na eficiencia enerxética e de recursos materiais, na enerxía renovable, nos produtos biolóxicos, na extensión do ciclo de vida do produto ou na economía de rendemento, compartida ou de plataforma
 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2020

A Xunta de Galicia anima ás pemes galegas a participar na nova convocatoria do proxecto europeo C-Voucher, no cal a Axencia Galega de Innovación (Gain) participa como socio e que ten como obxectivo promover a economía circular no tecido empresarial. Ata o 30 de outubro, as pequenas e medianas empresas galegas dos ámbitos da saúde, a economía azul, o téxtil, a agroalimentación e a fabricación poderán presentar o seu proxecto para optar a axudas de ata 15.000 euros e asesoramento técnico.

Concretamente, esta é unha nova convocatoria do programa Adopters, que forma parte do proxecto europeo C-Voucher, destinado a pemes que desenvolvan solucións circulares innovadoras que afonden na eficiencia enerxética e de recursos materiais, na enerxía renovable, nos produtos biolóxicos, na extensión do ciclo de vida do produto ou na economía de rendemento, compartida ou de plataforma.

As 24 pequenas e medianas empresas que resulten seleccionadas recibirán 15.000 euros en axudas e, durante un período de tres meses, poderán recibir asesoramento técnico durante a fase creativa de desenvolvemento do modelo empresarial e, tamén, para identificar outras posibilidades de financiamento do seu modelo de negocio.

C-Voucher é a primeira iniciativa financiada pola Comisión Europea para promover a economía circular nas cadeas de valor das empresas. Conta cun total de 13 socios de seis países: España, Polonia, Francia, Dinamarca, Romanía e Suecia. Trátase dun proxecto con financiamento do programa H2020 que destina 4,2 millóns de euros ao longo de catro convocatorias, das que esta é a derradeira. Nas anteriores, dúas empresas galegas resultaron beneficiarias: Merasys e Krack Zapaterías.

 

 

 

Imaxes relacionadas