A Xunta oferta prazas para a mocidade nos campos de voluntariado de arqueoloxía de Ribas de Sil e Castro de Rei

Os participantes, de entre 18 e 30 anos de idade, colaborarán nos traballos de recuperación dos restos da capela de San Antonio e do Castro de Viladonga

Lugo, 7 de agosto de 2020

A Consellería de Política Social oferta prazas nos campos de voluntariado que se celebrarán este mes en Ribas de Sil e Castro de Rei, ambos de temática arqueolóxica e dirixidos a mozos e mozas entre 18 e 30 anos.

O primeiro en comezar será o campo de voluntariado do Castro de Viladonga -no municipio chairego-, que se desenvolverá entre os días 13 e 24 de agosto. Os participantes traballarán en estreita colaboración co equipo arqueolóxico do castro en tarefas de limpeza e consolidación das súas estruturas arqueolóxicas

A finais de mes comezará o campo de voluntariado “Alejandrina Álvarez”, que debe o seu nome á veciña que hai dous anos propiciou co seu testemuño o achado dos restos da capela de San Antonio nunha zona boscosa de Ribas de Sil, cando xa só algunhas persoas de avanzada idade gardaban lembranza da súa existencia e localización.

A actividade desenvolverase entre o 27 de agosto e o 7 de setembro, e os labores principais consistirán na limpeza dos restos da Capela de San Antonio. Tamén se catalogarán os obxectos que se atopen durante os traballos.

As persoas interesadas en participar nestas ou noutras iniciativas similares en distintos puntos de Galicia poden consultar a oferta e medios de inscrición na páxina web de Xuventude da Xunta de Galicia.