A Xunta destina 511.400 euros a 34 asociacións de veciños da provincia de Ourense

O Goberno galego notificou esta semana ás entidades beneficiarias a resolución das axudas destinadas a asociacións veciñais, comunidades de usuarios de auga e organizacións de mulleres rurais

O orzamento da convocatoria deste ano ascende a 2,5 millóns de euros e permitirá realizar obras de mellora nos locais de case 200 entidades veciñais de toda Galicia ademais da compra de novos equipamentos para as súas actividades

A Xunta apoia a través destas axudas o fomento do movemento veciñal con actuacións que contribúan á mellora do benestar dos cidadáns
 

Ourense, 7 de agosto de 2020

A Xunta vén de informar esta semana ás entidades beneficiarias da resolución da convocatoria de axudas para 2020 do Plan Específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

As achegas do Goberno galego no marco desta orde supuxeron un investimento duns 511.400 euros na provincia de Ourense para 34 entidades. No conxunto de Galicia, a Administración autonómica destinará a 190 asociacións o orzamento de 2,5 millóns de euros reservado para as axudas deste exercicio, o que supón un incremento das do investimento nun 70% respecto ao ano pasado.

As asociacións beneficiarias nesta orde poderán realizar a través destas subvencións obras de rehabilitación e acondicionamento nos seus locais e adquirir novos equipamentos cos que levar a cabo as súas actividades e a prestación de servizos aos veciños. Ademais, poderán mellorar o abastecemento de auga dalgúns núcleos .

As subvencións beneficiaron na provincia ourensá aos concellos de Cenlle, Petín, Leiro, Beariz, Vilamarín, O Irixo, A Peroxa, Carballeda de Avia, Cualedro. Riós e Monterrei, xunto con sete entidades veciñais do concello de Ourense, outras seis no municipio do Pereiro de Aguiar, cinco no de Lobios, tres no de Bande e dúas da Veiga.

A Xunta financia mediante as axudas deste plan actuacións que contribúan a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza e redunden na mellora do benestar dos cidadáns e da calidade de vida local. Desta forma, renova a súa aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal.

A contía deste ano, con máis de 2,5 millóns de euros, é a máis elevada xunto coa de 2016, cando se iniciou esta liña de subvencións. Neste período o Goberno galego leva investido no Plan Específico de acción comunitaria 10 millóns de euros.

Para as entidades veciñais e as organización de mulleres rurais, o plan conta cunha liña de subvencións para obras de mellora dos inmobles da súa titularidade ou sobre os que teñan dereito de uso; e outra para a compra de equipamentos. Pola súa banda, as comunidades de usuarios de auga poden obter axudas a través deste programa para a execución de obras de reparación e mellora de traídas veciñais de auga.