A Xunta concede novas axudas por máis de 92.000€ para a promoción da igualdade a nove concellos da provincia da Coruña

Trátase da segunda ampliación que fai a Xunta desta convocatoria das catro liñas de axuda, que suman na provincia da Coruña máis de 1,9 millóns de euros

Os beneficiarios desta segunda ampliación son Ames, A Laracha, As Pontes de García Rodríguez, Vimianzo, Melide, Boiro, Betanzos, Rianxo e Cambre
 

A Coruña, 06 de agosto de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coas axudas correspondente á segunda ampliación de crédito da convocatoria da Xunta para promover a igualdade entre os concellos galegos. Grazas a este segundo incremento, a Administración autonómica vén de conceder novas axudas a nove concellos da provincia. En concreto, recibirán financiamento para programas de conciliación Vimianzo (12.000 euros), Melide (8.240 euros), Boiro (12.000 euros), Betanzos (11.464 euros), As Pontes de García Rodríguez (12.000 euros), Rianxo (12.000 euros) e Cambre (12.000 euros); e para promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero Ames (8.000 euros) e A Laracha (2.334 euros)

Dentro da colaboración fluída cos concellos, a Xunta ampliou en dúas ocasións a convocatoria para promover a igualdade, facendo especial fincapé nas axuda á conciliación, que son unha das máis demandadas.

En concreto, esta convocatoria de axudas conta con catro liñas: as xa mencionadas axudas á conciliación e á promoción da igualdade, que se suman ao financiamento dos Centros de Información á Muller (CIM) e á de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. A convocatoria está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Ao abeiro destas catro liñas de axudas, os concellos da provincia da Coruña recibiron apoios por un importe de máis de 1,9 millóns de euros.

En concreto, 17 entidades locais, recibiron axudas do programa de promoción da igualdade, para levar a cabo accións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes, así como actuacións para loitar contra a explotación sexual. Tamén resultaron beneficiarios os 29 Centros de Información á Muller que hai na provincia da Coruña.

Ademais, 32 entidades locais recibiron axudas a través do programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade; e, por último, 48 entidades locais foron as beneficiadas para a realización de programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

A Xunta destina en toda Galicia a esta convocatoria máis de 6,6 millóns de euros, o que supón 1,3 millóns de euros máis do que se investiu para este mesmo fin en 2019. Ademais, e tamén destinada aos concellos, a Xunta investiu este ano 1,4 millóns de euros nas axudas para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, tamén ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Por tanto, a colaboración do Goberno galego cos concellos galegos ascende a 8 millóns de euros.