A Policía Autonómica garante a protección do patrimonio do Camiño de Santiago e a atención e seguridade dos peregrinos

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, visitaron esta mañá no concello do Pino unha das patrullas que están a vixiar a ruta

A Xunta investiu 160.000 euros na adquisición de catro vehículos híbridos para que os axentes poidan levar a cabo tarefas de protección do Camiño e do medio ambiente

Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego tomou tódalas medidas de prevención contra a covid-19 co obxectivo de promover unha peregrinación segura
 

O Pino (A Coruña), 5 de agosto de 2020

A Policía Autonómica despregou un ano máis patrullas para vixiar o Camiño de Santiago co obxectivo de velar pola protección do medio ambiente e o patrimonio da ruta, así como garantir a atención e a seguridade dos peregrinos. Uns 20 axentes están a realizar cada día labores de prevención, control e investigación nos distintos itinerarios do Camiño nas catro provincias galegas.

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, visitaron esta mañá unha das patrullas no concello coruñés do Pino durante unha das súas xornadas de traballo. Á visita tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e o alcalde do Pino, Manuel Taboada.

Os axentes realizan labores de investigación mediante o control de peregrinos e albergues e de prevención de pequenos roubos ou venda ambulante non autorizada, así como accións relacionadas co control de actuacións prohibidas contra a natureza ou o contorno do Camiño.

No que vai de ano, e tendo en conta que desde o inicio do estado de alarma en marzo debido ao coronavirus os albergues estiveron pechados ata a súa reapertura o pasado 1 de xullo, a Policía Autonómica levou a cabo 38 inspeccións relacionadas co Camiño que derivaron en 4 denuncias, case todas por publicidade non autorizada.

Para levar a cabo a súa actividade estas patrullas desprázanse en vehículos todoterreo e motocicletas. Coa finalidade de mellorar a dotación material e garantir o acceso a zonas de difícil acceso, a Xunta vén adxudicar a licitación de catro vehículos todoterreo híbridos destinados ao control da ruta xacobea e a tarefas medioambientais. Trátase dos primeiros vehículos destas características, máis sostibles e con menor impacto para o medio ambiente, nos que o Goberno galego investiu 160.000 euros.

Alfonso Rueda destacou que a Xunta garante a seguridade aos peregrinos no actual contexto sanitario coa posta en marcha do programa Camiño Seguro e coa implantación de protocolos de prevención nos albergues públicos.

Tamén reiterou a petición do Goberno galego ao Ministerio do Interior para que complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, que na actualidade está cuberto ao 80%. Nesta liña, o vicepresidente da Xunta incidiu na necesidade de que sexa atendida esta demanda debido ao imprescindible traballo dos axentes que ademais ven incrementadas as súas funcións con novas competencias, tanto no reforzo da vixilancia do Camiño de Santiago de cara ao Xacobeo como na loita contra a crise sanitaria da covid-19.

De feito, desde o pasado xuño levan a cabo dispositivos especiais no marco do Plan de actuación específico destinado á inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas para frear o avance do coronavirus como os aforos, o distanciamento social ou o uso de máscara en espazos, establecementos ou espectáculos públicos.
 

Imaxes relacionadas