A Xunta executa os traballos para poñer en servizo a conexión da estrutura de regulación da Malata co colector da Cabana que deixará libre de vertidos a metade da enseada

A intervención, cuxo remate se prevé este venres, consiste na perforación do pozo de rexistro do interceptor situado na rotonda de acceso ao porto interior e na colocación da tubaxe

O avance na execución das obras fará necesario restrinxir o tránsito peonil no paseo marítimo a partir do vindeiro luns e durante polo menos dúas semanas

Estes cortes realizaranse, por cuestións de seguridade, de luns a venres de 8 da mañá ás 18,00 horas da tarde, e os venres de 8 da mañá ás 13,00 horas
 

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe os traballos para poñer en servizo a conexión da estrutura de regulación da Malata, xa executada, co novo colector da marxe dereita da ría de Ferrol, que deixará libre de vertidos a metade da enseada.

Os traballos, cuxo remate se prevé para o vindeiro venres, estanse a centrar na perforación do pozo de rexistro do interceptor situado na rotonda de acceso ao porto interior para a posterior colocación da tubaxe.

Esta intervención marca un importante fito na execución destas obras, ao permitir conectar ao sistema de saneamento unha nova zona da cidade de Ferrol, grazas ao avance do colector do paseo marítimo, deixando xa libre de vertidos a metade da enseada.

O avance na execución das obras, que se están a desenvolver a bo ritmo, fai necesario, a partir do vindeiro luns, día 10 de agosto, e durante polo menos dúas semanas, restrinxir o tránsito peonil no paseo marítimo mentres se realizan traballos na zona.
Por cuestións de seguridade, para garantir a seguridade nas obras e preservar a dos veciños, durante o desenvolvemento das actuacións realizaranse cortes que serán, durante a semana, de luns a venres, das 8 da mañá ás 6 da tarde, e os venres de 8 da mañá ás 13,00 horas do mediodía.

Co saneamento da Malata a Xunta de Galicia segue a avanzar nunha das súas prioridades na última década: acadar o saneamento integral das rías galegas.
 

Imaxes relacionadas