A Xunta instala 3 novas marquesiñas na estrada PO-549, entre Vilanova de Arousa e Cambados, completando a mellora de seguridade executada na contorna

A colocación dos refuxios complementa a actuación de eliminación do tramo de concentración de accidentes entre Deiro e a intersección da VG-4.3, recentemente rematada

Reformáronse as interseccións máis relevantes coa execución de cuñas de cambio de velocidade e semiglorietas para os cambios de sentido

Mellorouse a seguridade nos pasos de peóns e nas paradas de autobús, con distintas medidas para garantir a súa visibilidade, e executouse un treito de senda
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de instalar tres marquesiñas na estrada PO-549, entre Vilanova de Arousa e Cambados, co que se completa a mellora de seguridade viaria executada nesta contorna.

Estas obras completan o proxecto que vén de finalizar a Xunta para eliminar un tramo de concentración de accidentes nesta vía, desde o final da parroquia de Deiro, no Concello de Vilanova de Arousa, ata a intersección coa vía de alta capacidade VG-4.3, en Cambados.

Esta actuación de mellora da seguridade viaria, cun importe duns 460.000 euros, desenvolveuse entre os puntos quilométricos 7+570 e 9+800, atendendo á solicitude do Concello de Vilanova para ampliar o ámbito da intervención nunha lonxitude de 700 metros.

Os principais traballos centráronse na mellora das interseccións máis relevantes do tramo. Para isto, executáronse cuñas de cambio de velocidade para facilitar as manobras de saída ou incorporación á estrada autonómica.

Tamén se construíron dúas semiglorietas para os cambios de sentido nas principais interseccións, en puntos con suficiente visibilidade para realizar os xiros á esquerda.

Na actuación levada a cabo destaca, ademais, a construción da nova glorieta na intersección do punto quilométrico 9+020 coas estradas provinciais EP-9004 e EP-9005 e a mellora da contorna da rotonda existente no 9+400, executando un illote físico para facilitar a súa percepción e reorganizando os accesos próximos.

Tamén se mellorou a seguridade nos pasos de peóns e nas paradas de autobús, garantindo a súa visibilidade mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións e outras medidas adicionais. Ademais, acometeuse un tramo de senda entre os puntos quilométricos 7+570 e 8+340 pola marxe esquerda da estrada.

Cómpre lembrar que estes traballos se enmarcan na estratexia da Xunta para actuar en todos os tramos de concentración de accidentes existentes nas estradas de titularidade autonómica.