A Xunta solicítalle á DXT que comunique nos paneis de mensaxería das autoestradas e autovías de entrada en Galicia o teléfono habilitado sobre a covid-19

Pide a colaboración do organismo de Tráfico para trasladar, a través destas pantallas, unha mensaxe sinxela: “Coronavirus en Galicia, chame ao 881 00 20 21”

O obxectivo é protexer a saúde dos cidadáns

A Xunta publicou o pasado día 28 a orde que establece medidas específicas para todos os cidadáns, incluídos os galegos, que entren en Galicia despois de ter estado en territorios de alta incidencia da covid-19 como mecanismo de prevención para evitar contaxios
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020.- A Xunta de Galicia vén de solicitarlle á Dirección Xeral de Tráfico que introduza nos paneis de mensaxería variable existentes nas autoestradas e autovías de entrada en Galicia o teléfono de información sobre a covid-19 que se ten habilitado para as persoas non residentes que cheguen á Comunidade con sintomatoloxía compatible coa covid-19 como medida de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo virus e evitar a súa propagación.

O obxectivo é protexer a saúde dos cidadáns, e que as persoas que entren en Galicia por estrada e presenten síntomas da enfermidade coñezan o teléfono ao que deben dirixirse para obter información precisa e as indicacións oportunas para evitar a propagación do virus.

Segundo lembra a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións na súa misiva, a Xunta está volcada na protección da saúde pública das persoas como consecuencia da pandemia e son moitas e diferentes as liñas de traballo que ten activado co obxectivo de protexer á poboación, compatibilizándoas coa necesaria reconstrución económica e social.

Neste marco de traballo, o pasado día 28 de xullo a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se establecen medidas específicas de prevención, para todos os cidadáns, incluídos os galegos, para facer fronte á crise sanitaria pola covid-19 en relación coa chegada á Comunidade de persoas procedentes doutros territorios. Esa orde establece medidas preventivas para evitar a xeración de riscos e a propagación do virus, no marco da estratexia autonómica para a detección precoz, vixilancia e control da covid que permite a inmediata adopción das medidas oportunas de control que impidan a propagación incontrolada da enfermidade.

Concretamente, a orde recolle medidas específicas en relación coas persoas con sintomatoloxía que cheguen a Galicia despois de ter estado, dentro do período dos catorce días naturais anteriores á dita chegada, en territorios de alta incidencia da covid. Ademais, neste sentido, a orde establece que, no caso de persoas non residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, estas deberán chamar ao teléfono 881 00 20 21, coa fin de que se lle ofreza as indicacións que procedan.

Deste xeito, e de cara a establecer as medidas de prevención da covid-19 oportunas, a Xunta diríxese ao organismo de Tráfico para solicitar a súa colaboración na implantación, nas pantallas existentes nas autovías e autoestradas de entrada a Galicia, dunha campaña informativa na que se comunique o teléfono ao que deben chamar as persoas non residentes que entren na Comunidade con algún dos síntomas máis comúns compatibles coa enfermidade.

Ethel Vázquez pide, ademais, “toda a axilidade posible” ao organismo de Tráfico dado que estamos a falar, dixo, “da saúde pública dos cidadáns e de mecanismos de prevención para evitar a propagación do virus”.
 

Imaxes relacionadas