Ethel Vázquez pon en valor o uso das últimas tecnoloxías nas inspeccións da Xunta sobre as pontes como accións preventivas para garantir a súa seguridade

A conselleira destaca as vantaxes do emprego de drons nas inspeccións, pois permiten acceder a zonas inaccesibles das infraestruturas e e realizar os controis sen afectar ao tráfico

A Xunta foi pioneira na posta en marcha dun Programa de inspeccións de pontes e obras de paso co que vén realizando controis sobre as estruturas das estradas autonómicas de forma periódica

Este control específico permite supervisar de forma permanente o estado destas estruturas, ter información actualizada sobre a súa conservación e programar as actuacións preventivas necesarias para anticiparse a posibles problemas

Co programa vixente, en marcha desde o pasado ano, realizaranse máis de 1.600 inspeccións en 5 anos cun investimento de 1,5 millóns de euros

Nos primeiros 3 anos de contrato está previsto inspeccionar preto de 1.000 estruturas, das cales o 14% serán controis en viadutos ou obras de paso novas

Ethel Vázquez salienta a aposta da Xunta “pola seguridade das infraestruturas” e “pola seguridade das persoas que empregan as nosas estradas” e lembra que se está a traballar para estender o programa de inspeccións aos muros e noiros
 

As Somozas (A Coruña), 31 de xullo 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, puxo hoxe en valor o uso das últimas tecnoloxías nas inspeccións que vén realizando a Xunta sobre as pontes, viadutos e obras de paso nas estradas de titularidade autonómica como accións preventivas esenciais para reforzar a súa seguridade e garantir a súa conservación.

Ethel Vázquez supervisou esta mañá os traballos de recoñecemento, con dron, que se realizaron no viaduto da Espariza, na autovía Ferrol–Vilalba (AG-64) ao seu paso polas Somozas, onde salientou que a utilización de medios técnicos coma o empregado hoxe facilitan moito o traballo de inspección das pontes e obras de paso, xa que permite “auscultar a fondo partes do viaduto que doutro xeito serían practicamente inaccesibles”, ao mesmo tempo que fai posible realizar os controis sen afectar ao tráfico.

A titular de Infraestruturas en funcións explicou que a Xunta vén realizando controis sobre as estruturas das estradas autonómicas de forma periódica, no marco do Programa de inspeccións de pontes e obras de paso “no que fomos pioneiros”.

En 2019 púxose en marcha o novo programa co que se realizarán máis de 1.600 inspeccións nas pontes e obras de paso das estradas de titularidade da Xunta en 5 anos, cun investimento de 1,5 millóns de euros. Segundo detallou Ethel Vázquez, xa nos 3 primeiros anos do contrato está previsto inspeccionar preto de 1.000 estruturas, o 14% das cales serán constrois en viadutos ou obras de paso novas.

Este programa específico de seguridade permite supervisar, de forma permanente o estado destras estruturas, ter información constante e actualizada sobre o seu estado de conservación e programar as actuacións preventivas necesarias para poder anticiparse a futuros problemas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións puxo como exemplo que, grazas a esta iniciativa e aos traballos de inspección realizados o pasado 1 de xullo, a Xunta vai acometer obras de reparación de emerxencia na Ponte de Mondariz, xa que o recoñecemento efectuado aconsella unha intervención preventiva para reforzar a seguridade e garantir a conservación da estrutura.

Ademais referiuse aos traballos programados en vindeiras semanas, empregando como medios auxiliares camións cesta de 26 toneladas con pasarela baixo ponte para realizar as inspeccións, como as que se levarán a cabo na ponte internacional da Amizade, que une Goián e Vila Nova de Cerveira ou nas pontes e viadutos da autovía do Morrazo.

En definitiva, destacou Ethel Vázquez, “na Xunta estamos a traballar pola seguridade das infraestruturas a través deste programa pioneiro de inspeccións de pontes e obras de paso e, polo tanto, pola seguridade das persoas que empregan as nosas estradas, que é o que máis nos importa e preocupa”.

Indicou, ademais, que a Xunta traballa na extensión das inspeccións aos noiros e muros das estradas autonómicas, coa licitación, a comezos deste mes de xullo, do prego de servizos que permitirá inspeccionar 600 noiros en tres anos e suporá un investimento global de 570.000 euros durante a súa vixencia, de 5 anos, xa que pode ser prorrogado durante dous anos máis.

Nos 5.500 quilómetros de estradas de titularidade da Xunta hai 170 km de pontes: unha estrutura cada 3 km de estrada; unha cada 300 metros no caso das vías de alta capacidade.

Inspección no viaduto da Espariza

O viaduto da Espariza ten unha lonxitude aproximada de 450 metros, consta de 12 vanos e a altura máxima das súas pilas acada os 45 metros. A estrutura foi construída no ano 2005 e vense sometendo a inspeccións periódicas, como a realizada hoxe, para garantir o seu bo estado de conservación.

Concretamente, na inspección realizada hoxe con dron examináronse os laterais do taboleiro do viaduto e tamén as pilas e apoios. Aínda que o resultado da primeira visualización parece indicar que a estrutura non presenta problemas significativos en canto á súa conservación, as imaxes tomadas polo dron sobre os distintos elementos do viaduto, vídeo e fotografías, serán analizados a fondo para determinar se existe algún tipo de deterioro. No caso de ser necesario, programaranse as actuacións oportunas para garantir a conservación da ponte, reforzar a súa seguridade, previr e poder anticiparse a posibles problemas que puidesen vir.

De feito, durante o recoñecemento realizado no ano 2009 detectáronse deterioros nos acopios de neopreno situados entre as vigas e as pilas, que foron corrixidos nunha reparación levada a cabo en 2011.
 

Imaxes relacionadas