A Comisión técnica de Protección Civil homologa os plans de actuación municipal de varios concellos galegos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe esta xuntanza

Homologáronse os plans de actuación fronte a inundacións e incendios forestais de Caldas de Reis; de mercadorías perigosas e risco químico de Mugardos; de inundacións de Cambados; e de rotura de presas de Carballedo, Pantón e O Saviñao

Tamén se informou favorablemente da actualización dos plans de emerxencia exterior do polígono da Grela Bens, de CLH Vigo e de Cepsa Maside
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

A Comisión técnica permanente de Protección Civil homologou hoxe os plans de actuación municipal de varios concellos galegos, e informou favorablemente da actualización de distintos plans especiais.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe esta xuntanza, na que se homologaron os plans de actuación municipal fronte ao risco de inundacións e contra os incendios forestais do concello de Caldas de Reis. Tamén se homologaron os plans de actuación municipal contra o risco no transporte de mercadorías perigosas e fronte ao risco químico do concello de Mugardos; o plan de actuación municipal fronte ao risco de inundacións do concello de Cambados; e os plans de actuación municipal ante o risco de rotura das presas dos concellos Carballedo, Pantón e O Saviñao.

O obxecto destes plans é preparar unha resposta municipal de xeito que os respectivos concellos teñan un dispositivo permanente en función dos riscos detectados, unha estrutura de mando e uns procedementos de actuación e catalogación dos medios cos que conta o concello. Así, a finalidade é que con esta planificación as actuacións que se leven a cabo en caso de emerxencia non sexan froito da improvisación, e que a solución que se dea sexa a máis adecuada á incidencia acontecida.

Así mesmo, a Comisión tamén informou favorablemente as revisións dos plans de emerxencia exterior do Polígono da Grela Bens e de CLH Vigo; a actualización do Plan de Emerxencia Exterior de Cepsa Maside; e a actualización do Plan INUNGAL, para incluír os plans de emerxencia de presas actualizados e implantados desde o ano 2016. Estes plans serán elevados ao Pleno da Comisión Galega antes de finalizar o ano.

A Comisión técnica permanente de Protección Civil é un órgano de estudio e proposta dos temas que vaian a pasar a debate e aprobación pola Comisión Galega de Protección Civil, así como, a adopción de acordos en aquelas materias delegadas pola Comisión Galega de Protección Civil, entre outras, a homologación dos plans municipais.