A Xunta amplía a nove concellos da provincia da Coruña as axudas para a posta en marcha de programas de conciliación

A Administración autonómica vén de acometer unha ampliación de crédito nesta liña de axudas, que beneficiará a nove concellos máis da área territorial da Coruña

Súmanse aos 76 concellos coruñeses que resultaron beneficiarios na convocatoria inicial desta orde que, ademais de conciliación, incluía outros programas de fomento da igualdade, como sensibilización ou o mantemento dos Centros de Información á Muller
 

A Coruña, 30 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia financiará programas de conciliación en nove concellos da área territorial, logo de que a Administración autonómica ampliara esta liña de axudas destinada aos concellos. En concreto, os novos Ponteceso, Vilarmaior, Monfero, Moeche, Valdoviño, Mesía, Cee, Miño e Malpica de Bergantiños, con máis de 81.000 euros.

Estes municipios súmanse aos 32 concellos coruñeses da provincia que recibiron axudas para levar a cabo programas de conciliación na convocatoria inicial. Concretamente, Oza-Cesuras, Aranga, Bergondo, Boimorto, Boqueixón, Cabana de Bergantiños,.Cabanas, Carnota, Coirós, Corcubión, Curtis, Dodro, Frades, Irixoa Laxe, A Laracha, Lousame, Murgardos, Negreira, Ortigueira, Paderne, Outes, A Pobra do Caramiñal, O Pino, Rois, Santa Comba, Santiso, Sobrado, Tordoia, Vedra, Vilasantar e Cariño, cun importe total de máis de 322.000 euros.

Estas novas concesións inscríbense dentro da ampliación de crédito que vén de acometer a administración autonómica na liña de axudas a concellos para programas de conciliación. En toda Galicia, o incremento orzamentario supera os 220.000 euros, co fin de chegar a máis concellos, moi especialmente tendo en conta a demanda rexistrada e o elevado interese que xeran estas accións de conciliación.

Cómpre recordar que o programa de fomento de conciliación non é a única liña de axudas destinada a concellos para a promoción da igualdade. Ademais dela, a Xunta pon a disposición dos concellos galegos outros tres programas de financiamento: de promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención e tratamento da violencia de xénero; de financiamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM); e de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Os tres primeiros están cofinanciados polo Fondo Social Europeo, mentres que o último está financiado ao abeiro do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Na provincia da Coruña, ao abeiro destas catro liñas de axudas, resultaron beneficiarios inicialmente un total de 76 concellos, cun importe de 1,1 millóns de euros.