A Xunta ultima a posta en servizo da conexión da estrutura de regulación da Malata co colector da Cabana que permitirá deixar libre de vertidos a metade da enseada

Esta semana comeza tamén a instalación dos equipos electromecánicos na estrutura de regulación da Malata e no tanque de tormentas do CIS Galicia

O avance na execución das obras fará necesario restrinxir o tránsito peonil no paseo marítimo a partir do vindeiro luns, 3 de agosto, durante alomenos dúas semanas

Estes cortes realizaranse, por cuestións de seguridade, de luns a venres de 8 da mañá ás 18,00 horas da tarde, e os venres de 8 da mañá ás 13,00 horas
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue a avanzar nas obras de saneamento da Malata, ultimando os traballos de posta en servizo da conexión ao sistema de saneamento no entorno da Cabana, que permitirán desde a vindeira semana deixar libre de vertidos a metade da enseada.
Esta actuación súmase aos traballos que se están a executar desde esta semana de instalación dos equipos electromecánicos na estrutura de regulación da Malata e no tanque de tormentas do CIS Galicia.

De acordo coa programación dos traballos, procederase á conexión, xa executada, da estrutura de regulación da Malata co colector interceptor da marxe dereita da ría de Ferrol. Deste xeito, márcase un importante fito na execución destas obras, que permitirán, na vindeira semana, conectar ao sistema de saneamento unha nova zona da cidade de Ferrol, grazas ao avance do colector do paseo marítimo, deixando xa libre de vertidos a metade da enseada.

O avance na execución das obras, que se están a desenvolver a bo ritmo, fai necesario, a partir do vindeiro luns, día 3 de agosto, e durante alomenos dúas semanas, restrinxir o tránsito peonil no paseo marítimo mentres se realizan traballos na zona.

Por cuestións de seguridade, para garantir a seguridade nas obras e preservar a dos veciños, durante o desenvolvemento das actuacións realizaranse cortes que serán, durante a semana, de luns a venres, das 8 da mañá ás 6 da tarde, e os venres de 8 da mañá ás 13,00 horas do mediodía.

Co saneamento da Malata a Xunta de Galicia segue a avanzar nunha das súas prioridades na última década: acadar o saneamento integral das rías galegas.
 

Imaxes relacionadas