A Xunta licita por máis de 910.000 euros as obras de execución de tres colectores principais e un pozo de bombeo en Orto e Crendes, no concello de Abegondo

As empresas interesadas en executar esta nova fase de mellora do saneamento nestas parroquias poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 31 de agosto

A nova rede permitirá captar as augas e incorporará, debido á orografía do terreo, un sistema de impulsión que permita desembocar as augas residuais na rede xa instalada, e de aí á depuradora de Beldoña

Estas obras darán continuidade ás xa rematadas en 2019, que contaron cunha achega autonómica de 220.000 euros

 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar, por importe de 911.560 euros, as obras de execución de tres colectores principais e un pozo de bombeo coa súa impulsión en Orto e Crendes, no concello de Abegondo.

As empresas interesadas en executar a nova fase de mellora no sistema de saneamento de augas residuais destas parroquias poden presentar as súas ofertas ata o día 31 de agosto. Os traballos contan cun prazo de execución de cinco meses.

Esta actuación inscríbese no marco do convenio de colaboración co Concello, polo que a Xunta financia o 83 % do orzamento necesario para este proxecto e o restante importe correspóndelle á entidade local.

Os traballos nesta nova actuación teñen como obxectivo a creación dunha nova rede de saneamento que permita a captación das augas e que incorporará, debido á orografía do terreo, un sistema de impulsión das augas residuais que desembocará na rede de saneamento instalada con anterioridade, e desde aí á estación depuradora de Beldoña.

Esta nova intervención inclúe así a execución de 3 conducións principais, complementadas con un pozo de bombeo, coa súa impulsión. O pozo de bombeo constará de 4 m3 de capacidade útil e estará equipado con dúas bombas cunha capacidade total de 4,34 l/s. Trátase dunha parte dun proxecto máis amplo que cando estea executado na súa totalidade permitirá completar integramente o saneamento das parroquias de Orto e Crendes.

Ademais, estas obras hidráulicas darán continuidade ás xa rematadas en 2019, nunha primeira fase, nestes núcleos de Abegondo, mediante a achega dun orzamento autonómico de 220.000 euros.

Os traballos xa acometidos consistiron na instalación de cinco colectores por gravidade, cun total de 4.200 metros de lonxitude, dúas impulsións de 1.939 e 1.479 metros respectivamente e dous pozos de bombeo.

O obxectivo destas actuacións é dotar estas parroquias dun sistema de saneamento e depuración que responda ás necesidades da poboación. Así, o proxecto no seu conxunto dará servizo a preto de 1.500 habitantes desta contorna para o ano 2042.