A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Belelle e Basteiro, no concello de Neda
Os traballos desenvólvense en distintos tramos destes ríos ao longo de preto de 3,3 quilómetros, nas parroquias de Neda e Santa María de Neda
A intervención forma parte das actuacións de mantemento que vén realizando Augas de Galicia nas áreas con risco potencial de inundacións
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Belelle e Basteiro, ao seu paso polo municipio de Neda.
Estas tarefas estanse a desenvolver nun tramo de preto de 3,3 quilómetros de lonxitude, que coincide co percorrido destes ríos polas parroquias de Neda (San Nicolás) e Santa María de Neda.
As tarefas forman parte das intervencións de Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).
As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas, así como atrancos na canle. Tamén se realiza roza selectiva, limitada ao ancho da canle, nos tramos cubertos por maleza.
Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.