A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe o avance dos traballos de construción dun novo colector, tanque de retención e bombeo que se están a executar en Pontedeume

A Xunta licita o tanque de retención de Cabanas e avanza que o vindeiro ano estará en plena execución un investimento de 8,5 millóns de euros no saneamento integral da ría de Pontedeume

A plataforma de contratos da administración autonómica publica hoxe a licitación dos traballos que completan o saneamento de Cabanas por 2,87 millóns de euros e cun prazo de execución de 12 meses

As empresas interesadas teñen ata o 31 de agosto para presentar as súas ofertas

Ethel Vázquez destaca o avance a bo ritmo das obras de saneamento de Pontedeume, co novo colector xa executado no paseo marítimo e o progreso dos traballos do tanque de retención

A renovación do colector de Cabanas atópase en fase de adxudicación, valorándose as 26 ofertas presentadas á execución dos traballos

O conxunto das obras de saneamento de Cabanas e Pontedeume permitirá eliminar as infiltracións de auga de mar e de augas brancas e eliminar os vertidos contaminantes á ría

A conselleira destaca os beneficios das actuacións para a calidade ambiental, a calidade turística e a calidade da pesca e do marisqueo

A Xunta apoia deste xeito os concellos de Cabanas e Pontedeume nas súas competencias de saneamento e depuración, que deberán asumir a continuación unha xestión axeitada das novas infraestruturas
 

Pontedeume (A Coruña), 27 de xullo 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras de construción dun tanque de retención e impulsión en Cabanas e avanzou que o vindeiro ano estará en plena execución un investimento da Xunta de Galicia de 8,5 millóns de euros no saneamento da ría de Pontedeume.

A plataforma de contratos da Xunta publica xa esta nova licitación por importe de 2,87 millóns de euros, establecendo ata o 31 de agosto o período para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas á realización destes traballos, que teñen un prazo de execución de 12 meses.

Ethel Vázquez supervisou hoxe as obras de mellora do saneamento que o Goberno galego está a acometer en Pontedeume, a primeira das tres actuacións planificadas para optimizar o funcionamento do sistema de tratamento de augas residuais que comparten este municipio e o veciño de Cabanas.

Segundo salientou, grazas a un investimento de máis de 4,2 millóns de euros, a Xunta está a construír neste municipio un novo colector interceptor, máis adaptado ás necesidades actuais de saneamento e que contribúa a reducir as infiltracións de auga de mar e de augas brancas que chegan á depuradora. Este novo colector está xa executado no seu treito que transcorre ao longo do paseo marítimo, no que xa se está a repoñer actualmente o aglomerado e o carril bici.

Xunto con isto, Ethel Vázquez destacou que se está avanzar no baipás e nos pilotes do tanque de retención previsto, que permitirá regular a entrada de caudais á depuradora de Centroña, así como evitar vertidos. Ademais, executarase un colector de alivio deste tanque e una cámara de bombeo das augas ata a estación de depuración.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou que as obras, que inclúen a renovación da rede de abastecemento no treito afectado polo novo colector, avanzan a moi bo ritmo e mantense a previsión de poñelas en servizo na primeira metade de 2021.

Paralelamente, a Xunta avanza no impulso das outras dúas actuacións que completan o saneamento desta ría, que prevén actuar de forma similar no municipio de Cabanas. Así, Ethel Vázquez explicou que actualmente se atopan xa en fase de adxudicación as obras de renovación do colector interceptor deste concello, que foron licitadas pola Xunta por 1,4 millóns de euros e ás que se recibiron un total de 26 empresas.

O obxectivo destes traballos é construír un novo colector ao longo de 1 quilómetro da fronte litoral de Cabanas, coincidindo co paseo da Madalena, co obxectivo de reducir as importantes entradas de auga de mar á rede que se producen na actualidade.

O saneamento da ría de Pontedeume complétase coas obras licitadas hoxe, que prevén a construción en Cabanas dun tanque de retención e dun novo bombeo das augas cara á depuradora de Centroña.

A conselleira subliñou que hoxe se dá o paso definitivo para completar o plan de saneamento de Cabanas e Pontedeume, que ten así xa todas as súas obras activadas. Isto permitirá, apuntou, mellorar o funcionamento da depuradora, ao evitar a entrada de caudais indebidos, así como eliminar os vertidos contaminantes á ría. “Todo isto, co obxectivo de mellorar a calidade das augas e, en consecuencia, mellorar a calidade ambiental, a calidade turística e a calidade da pesca e do marisqueo”, remarcou.

Ethel Vázquez indicou que con estas obras a Xunta apoia os concellos de Cabanas e Pontedeume para que exerzan en mellores condicións as súas competencias de saneamento e depuración das augas, e lembrou a importancia de que, unha vez concluídos os traballos, as administracións locais xestionen as novas infraestruturas forma axeitada.

 

Imaxes relacionadas