O colexio Cemar de Mondariz balneario acolle por primeira vez un campamento dentro da campaña de verán da Xunta de Galicia

Realízanse actividades de auga, equitación, tiro con arco, escalada, golf ou sendeirismo, entre outras

Mondariz Balneario (Pontevedra), 24 de xullo de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do alcalde de Mondariz-Balneario, José Antonio Lorenzo Rodríguez, visitou esta mañá o campamento que se está a celebrar no colexio Cemar. Este campamento é unha novidade dentro da oferta de actividades da Campaña de Verán da Xunta de Galicia.

A iniciativa denomínase Outdoor School e desenvólvese no complexo lúdico e deportivo do centro escolar. Comezou o pasado día 19 e prolongarase ata o vindeiro domingo día 26. Durante estes días mozas e mozos de 12 a 14 anos realizan actividades de auga, equitación, tiro con arco, escalada, golf ou sendeirismo, entre outras. Como en todas as actividades da Campaña de Verán deste ano, neste campamento séguese o protocolo de actuación establecido polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19 e garantir deste xeito a maior seguridade aos participantes.

Ademais deste campamento, outras novidades da Campaña de Verán na provincia de Pontevedra son os campamentos nas granxas escolas do Kirico (Fornelo de Montes) e no albergue de Tomiño; o que terá lugar no albergue Vicente Agulló de Lalín; e os programados na Residencia de tempo libre de Panxón (Nigrán) e no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico (Vigo).

Para os campamentos de verán de nenos de 9 a 17 anos, a Consellería de Política Social oferta na provincia pontevedresa 1.065 prazas; 289 nos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ que organiza coa Consellería de Cultura e Turismo; e 108 nos campos de voluntariado só para mozos galegos de 18 a 30 anos.
 

Imaxes relacionadas