A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h de hoxe
Desactivada a situación 2 no incendio do concello de Porto do Son, parroquia de Nebra, que quedou estabilizado e afecta unha superficie provisional de 35 hectáreas
Controlado o lume do municipio de Ourense, parroquia homónima, que afectou provisionalmente 52,1 hectáreas de superficie
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h. de hoxe.
Porto do Son
Estabilizado ás 8,59 desta mañá o incendio forestal do concello coruñés de Porto do Son, parroquia de Nebra, onde esta noite quedou desactivada a Situación 2, que se declarara pola proximidade do lume ao núcleo de Queiro. Este incendio comezaba ás 16,51 h. da tarde de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie aproximada de 35 hectáreas, sendo esta medición provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 15 axentes, 22 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 6 avións.
Ourense
Controlado dende as 11,36 h. do luns o lume no concello de Ourense, parroquia homónima, tras comezar o sábado ás 15,09 h. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 52,1 hectáreas, das cales 28 son arboradas e o resto monte raso. Na súa extinción levan traballado 1 técnico, 18 axentes, 50 brigadas, 31 motobombas, 7 helicópteros e 12 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.